Seccións

13/01/16

Proxecto Neo, 145.- Cultura Galega en Cataluña (Con Sabela Labraña na memoria)




Abrimos o programa 145 facendo referencia a Cedeira. Porque de Cedeira é Guadi, a intérpre da fermosa canción que escoitamos: Mergullei. E porque de Cedeira é tamén o profesor de Matemática Antón Labranha, que nos falou das súas orixes familiares nas Asturias e no concello galego de Navia de Suarna. Ademais de presentarnos a súa irmandade numerosa (oito), a petición nosa falounos especialmente de Carlos e de Sabela, ambos estreitamente vinculados á creación literaria e ensaística en lingua galega.
Xustamente despois de que Antón nos recordase a formación en Maxisterio de Sabela e de que nos describise sinteticamente o seu periplo por Cataluña, onde exerceu a docencia no ensino primario e no superior, viaxamos ao "Vigo do Mediterráneo" -como lle chamou Belén Real a Barcelona- para falar coas persoas que protagonizan a vida cultural galega tanto na cidade como no País Catalán.

"Señoras e señores, estamos en conversa co escritor Anxo L. Baranga. El é do Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras. Desde o ano 1979 reside en Barcelona", -dixo Mónica Palacios na súa presentación e despois Maka Ledo encargouse de que o polifacético escritor, deseñador e activista cultural evocase para nós algunhas das súas vivencias durante os moitos anos que leva instalado naquela terra. Quedámonos co fundamental: o Centro Galego, o período posterior ao Nunca Máis... e Sabela Labraña.

Sobre todo este movemento cultural tamén conversamos con Belén Real, que nos atendeu en representación da ERGAC. Nun delicioso galego con acento catalán lembrou para nós a súa implicación na cultura galega desde a etapa universitaria na Universidade de Barcelona onde foi alumna de Basilio Losada, Sabela Labraña, Helena González e Chus Lama. Naturalmente tamén nos presentou as emisións radiais galegas en Cataluña, que continúan moi vivas (aínda que tamén é certo que a nosa interlocutora se queixou da influencia negativa dos recortes económicos institucionais).

Desde Santiago de Compostela, atendeunos un catalán-galego ou galego-catalán: o profesor Valeriá Paül Carril (da Faculdade de Xeografía da USC). Con el falamos brevemente sobre GALAUDA, a iniciativa de interculturalidade irmá da nosa. Como tíñamos pouco tempo, prometeunos que nos atendería noutra ocasión para tratarmos o tema máis en profundidade.

No final do programa, conversamos -aínda que só uns minutiños- cunha das persoas que fixo posíbel a emisión de hoxe (unha magnífica produtora, que nos facilitou nomes, teléfonos e enderezos): Sonia Varela, a docente universitaria a quen xa tíñamos entrevistado no programa dedicado á Esmorga (na adaptación cinematográfica).

Como non había máis tempo, finalizamos este especial da cultura galega en Cataluña dedicado a Sabela Labraña con música galega moi relacionada con Cedeira. 

Durante case unha hora estivemos voando dun lugar a outro, mais antes de nos despedir xa puxemos de novo os pés na terra.

Sem comentários:

Enviar um comentário