Seccións

03/06/15

Proxecto Neo, 129.- Haizea Barcenilla; Adela Figueroa; Marita Faraldo; Paco Veiga; You Gómez




Haizea Barcenilla é profesora da Universidade do País Vasco e combina a docencia co xornalismo no Berría, xornal en que publica habitualmente crónicas e crítica de arte. Desde hai uns anos mantén vínculos coa nosa terra e fainos grande honra integrándose na nosa cultura. A súa fluidez comunicativa en galego é tan elevada que aceptou facernos crónica do desenvolvemento das Xornadas Galizaleak celebradas en Bilbao. Non sorprende que Karina Parga manifestase o noso absoluto asombro pola música da fala que estábamos escoitando.
Sen pausa musical, deixamos Euskadi e retornamos a Lugo. Na capital amurallada atendeunos Adela Figueroa para presentarnos os contidos da VIIª Feira da Primavera a celebrar na Eira da Xoana, entre Palas de Rei, Melide e Agolada. 
Despois dunha música moi movida -e a través de Silvera V. de Oliveira- coñecemos a profesora Marita Faraldo, do Departamento de Imaxe Persoal do Instituto Perdouro. Con ela falamos da súa formación en Perrucaría e Estética no Instituto Fernando Wirtz da Coruña, da necesidade de complementar os estudos (no seu cado cun Mestrado en Barcelona) e aínda da importancia do espírito emprendedor nun sector laboral en que é difícil conseguir estabilidade.
Maka acertou coa pregunta contudente: "Marita, que lle dirías a un mozo ou a unha moza que está en dúbidas de se matricular no ciclo de Imaxe Persoal?".
A resposta de Marita non foi nada menos contundente!
Despois de que a profesora nos abrise os ollos, puxémonos en contacto co Mestre Paco Veiga, que foi agraciado co premio Terra de Melide, polo seu labor continuado de promoción da cultura galega. Felicitámolo en vivo e en directo... e comprometémolo a unha próxima colaboración no noso programa.
Xa na parte final, falamos con Yao, unha estudante de 1º de ESO no Instituto Manuel Murguía de Arteixo. Un final impresionante!

Sem comentários:

Enviar um comentário