Seccións

24/06/15

PROXECTO NEO, nº 132.- María Dolores Reimunde Noreña



A profesora Reimunde con parte do equipo do programa



San Martiño de Mondoñedo. Foz. Lugo. Santiago de Compostela. Vigo.Burela... son algunhas das localidades do periplo vital da profesora María Dolores Reimunde Noreña. Mais o punto de saída e o de retorno é a capital da diocese mindoniense: San Martiño.
Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, a profesora Reimunde é doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid coa tese titulada Hispanoamérica en las revistas gallegas (1914-1936). Comezou impartindo clases no Colexio Universitario de Lugo en 1979, actividade que combinou coa investigación en materia de crítica literaria. Desde 1990 é profesora de Ensino Secundario. Tras exercer a súa docencia como profesora de Lingua castelá e Literatura no Politécnico de Lugo e no IES Valentín Paz Andrade de Vigo, desde 1999 imparte clase no IES Perdouro.

17/06/15

PROXECTO NEO, nº 131: Xosé María García Palmeiro; María G. Albert; Julio Lorenzo; Chus Amieiro






Teño unha casiña branca
na Mariña entre loureiros.
Teño paz e teño amor
e estou vivindo no ceo.

Así cantaba Faustino Santalices, a peza que lle dedicamos no comezo do programa ao primeiro decano do Colexio de Xornalistas de Galiza. Xosé María García Palmeiro resolveunos a dúbida -"teño unha casiña case branca no lugar das Valgas, en San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, que foi onde eu nacín; na casiña que construíu coas súas mans o meu avó, Ramón"- e así confirmamos cal é o seu lugar de orixe e corrixiu en directo algunhas informacións erradas que están publicadas na rede cibernética. Despois fixo unha síntese da súa experiencia profesional e nós interesámonos por algunhas etapas: a de Radio Galicia (1971), da revista Teima (1976)  e de Radio Popular de Vigo (1982).

"Teima foi unha ilusión (...). Dirixíaa Ánxel Vence e reuniu nomes tan significativos como Perfecto Conde, Vítor Freixanes, Luís Álvarez Pousa, Xavier Navaza. Comezaba Manuel Rivas, que fixo traballos moi valiosos. Fixo fotografías Xurxo Lobato... Houbo colaboradores de grande valía, de compromiso co país, coa liberdade, coa innovación e co futuro de Galicia".

Deixamos un xornalista para falar con outra, dunha xeración diferente. Desde a Rúa de Valdeorras, no seu primeiro día de exercicio no cargo, atendeunos a alcaldesa, María G. Albert. 
Julio Lorenzo animounos a secundar a campaña para que a TVG se faga con novos capítulos da serie Dragon Ball Z. Nós escoitámolo atentamente e apoiamos a iniciativa. 
Nos minutos finais, viaxamos a Vilamor para conversar con Chus Amieiro, que nos explicou moi ben explicado o que hai Alén do silencio.

10/06/15

PROXECTO NEO, nº 130: Tareixa Navaza; Badou Keita; Guadi Galego



O programa 130 estivo protagonizado por Tareixa Navaza, Badou Keita e Guadi Galego. Medios de comunicación audiovisual, inmigración subsahariana e música foron os temas tratados.
A primeira locutora da TVE-Galicia falounos do seu traballo radiofónico en Radio Galicia-Cadena SER (1965) e da súa incorporación á delegación galega da TVE, onde coincidiu con Luís Mariñas e Xosé María García Palmeiro. Comentounos como se fixo neofalante e como se alfabetizou en idioma galego na Faculdade de Filoloxía con Rosario Álvarez e Francisco Fernández Rei. Lembrounos as palabras de alento que lle transmitía Ricardo Carvalho Calero.
Cando lle preguntamos por que en 1985 non pasou a traballar na TVG, respondeu con contundencia: "porque ninguén me pediu que o fixese. Á TVG fun de convidada, nada máis".
Na parte final da entrevista tamén falamos de política de comunicación, aproveitando a experiencia da nosa convidada no Consello de Administración da Compañía de Radio e Televisión de Galiza. A resposta foi clara: día a día temos que continuar reivindicando a presenza da nosa cultura nos medios, mesmo nos de titularidade pública e do ámbito territorial galego.

A música de Guadi deu paso ao segundo entrevistado, Badou Keita, que nos atendeu desde Ordes, onde reside. Este cidadán de raíces familiares en Mali chegou á nosa terra desde Ziguinchor, na beira do Río Casamance, no Senegal. Chegou xustamente da terra en que está ambientada a primeira parte do libro Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz. Foi por iso polo que lle lemos en antena uns fragmentos. Da locución da versión galega ocupouse Mouhamed Sakho e da versión en wolof o seu irmán Babacar.
Badou Keita falounos ao estilo Celso Emilio Ferreiro: como un irmán. Transmitiunos unha grande lección de humanismo, que nós escoitamos con moita atención e con moita emoción.

Nos minutos finais falamos con Guadi. Con ela falamos de Cedeira, da música tradicional, dos estudos de piano e de gaita, da composición "desde que era moi nova". Tamén lle preguntamos pola etapa en Berrogüetto, por A Cada Canto e por Espido. Naturalmente, falamos tamén da súa etapa como artista en solitario e do Lúas de outubro e agosto.
Foi unha entrevista curta, porque se nos fora o tempo con Badou Keita. Temos a certeza de que Guadi nos desculpará e a audiencia tamén. Mereceu a pena.


DOCUMENTO HISTÓRICO
NA VOZ DE TAREIXA NAVAZA
(neofalante)


09/06/15

PEQUENOS ESFORZOS CONSTANTES


A profesora da área de Imaxe Persoal durante a entrevista (FOTO: Lucía Rivas)


María C. Faraldo Sánchez

Recén chegada a este centro Perdouro en Burela, convidáronme a participar nun proxecto estupendo de radio escolar. Eu encantada de poder contribuír falando das miñas diversas experiencias laborais en Imaxe persoal.
Tiven a sorte de ser entrevistada por Silvera V. de Oliveira, unha alumna con moito interese, moi eficiente na entrevista previa e na posterior participación no programa.
Agora aproveito este medio para facerlle chegar a miña mensaxe: Ánimo, Silvera! Os obxectivos e as metas máis difíciles alcánzanse con pequenos esforzos constantes.

03/06/15

Proxecto Neo, 129.- Haizea Barcenilla; Adela Figueroa; Marita Faraldo; Paco Veiga; You Gómez




Haizea Barcenilla é profesora da Universidade do País Vasco e combina a docencia co xornalismo no Berría, xornal en que publica habitualmente crónicas e crítica de arte. Desde hai uns anos mantén vínculos coa nosa terra e fainos grande honra integrándose na nosa cultura. A súa fluidez comunicativa en galego é tan elevada que aceptou facernos crónica do desenvolvemento das Xornadas Galizaleak celebradas en Bilbao. Non sorprende que Karina Parga manifestase o noso absoluto asombro pola música da fala que estábamos escoitando.
Sen pausa musical, deixamos Euskadi e retornamos a Lugo. Na capital amurallada atendeunos Adela Figueroa para presentarnos os contidos da VIIª Feira da Primavera a celebrar na Eira da Xoana, entre Palas de Rei, Melide e Agolada. 
Despois dunha música moi movida -e a través de Silvera V. de Oliveira- coñecemos a profesora Marita Faraldo, do Departamento de Imaxe Persoal do Instituto Perdouro. Con ela falamos da súa formación en Perrucaría e Estética no Instituto Fernando Wirtz da Coruña, da necesidade de complementar os estudos (no seu cado cun Mestrado en Barcelona) e aínda da importancia do espírito emprendedor nun sector laboral en que é difícil conseguir estabilidade.
Maka acertou coa pregunta contudente: "Marita, que lle dirías a un mozo ou a unha moza que está en dúbidas de se matricular no ciclo de Imaxe Persoal?".
A resposta de Marita non foi nada menos contundente!
Despois de que a profesora nos abrise os ollos, puxémonos en contacto co Mestre Paco Veiga, que foi agraciado co premio Terra de Melide, polo seu labor continuado de promoción da cultura galega. Felicitámolo en vivo e en directo... e comprometémolo a unha próxima colaboración no noso programa.
Xa na parte final, falamos con Yao, unha estudante de 1º de ESO no Instituto Manuel Murguía de Arteixo. Un final impresionante!

02/06/15

PRODUCIÓN DUN PROGRAMA DE RADIO




A profesora de Formación e Orientación Laboral durante o período de produción do programa na biblioteca do IES Perdouro

Laura del Río

Nestas semanas pasadas participei nunha experiencia de radio escolar. Unha moza do instituto pediume colaboración e eu aceptei encantada. Antes da entrevista, os encontros previos con Noelia foron moi gratificantes. Ela mostraba moito interese en todo o que lle comentaba; tomaba nota de todo con dilixencia e profesionalidade. Con voz doce e baixiña preguntábame sobre a miña vida profesional e chamoulle a atención o que lle contei sobre as miñas estancias no estranxeiro e sobre todo a miña dedicación durante máis de 10 anos ao necesario e esencial mundo da cooperación internacional.
Cando me presentou -xa no estudio da radio-, gustoume moito o seu bo traballo á hora de resumir o que lle contei; e reafirmei a magnífica impresión que me causaran a súa educación e a súa disposición. 
A Álex tiven a oportunidade de escoitalo durante a realización do programa de radio tocando a flauta e regalándonos unha preciosa melodía en directo.