Bernardo Penabade
Escribo estas liñas
cando faltan poucos minutos para que acabe o día 26 de marzo de
2015, unha xornada laboral que para min comezou cedo -pouco despois
das sete- e que acabou case ás dez da noite na Libraría Bahía de
Foz, onde estivemos presentando O tesouro do monte, unha obra
narrativa escrita por Ramom Reimunde. Despois de tantas horas en
intenso activo, aínda me apetece contar esta historia. Porque o
merece.
Resulta que o cadro
docente de Lingua e Literatura dos institutos Otero Pedraio da Coruña
e o de Coristanco promoveron a correspondencia epistolar -e
manuscrita- entre o seu alumnado; e, unha vez feitos os primeiros
contactos, buscaron unha data para o encontro e pensaron na Mariña
como o lugar en que poderían coñecerse.
Así foi: e, pouco
despois das once da mañá, fun testemuña en Viveiro dunha
iniciativa didáctica que me encheu de ilusión e que me fixo sentir
orgulloso de traballar no ensino público.
O que máis fondamente me
impactou foi o saber-estar deses dous grupos de mozas e mozos.
Acababan de facer unha viaxe longa, mesmo de máis de dúas horas;
acababan de saudar por vez primeira en vivo e en directo outros
colegas que só coñecían através do papel ou dos medios
electrónicos; estaban fóra do seu ambiente... e aínda así en
trinta segundos pasaron do ambiente de festa ao silencio máis
respeituoso para que o xerente da empresa Galipizza nos
ofrecese unha sesión didáctica antolóxica. Tanto foi así que eu
non sabía a que atender máis: se a aqueles rapaces e raparigas de
comportamento tan educado ou á exposición dun comerciante que nos
contaba como lle foi posíbel consolidar a súa empresa familiar que
actualmente dá emprego a máis de 150 persoas.
Xusto cando saímos de
tan singular sesión formativa -nomeadamente en valores-, subiron ao
transporte e fixérono en irmandade, cada quen sentado co seu par. Xa
non había autobús dun centro e autobús do outro. Había unha única
expedición. Foi nese momento cando soou o teléfono de Radio Burela
para facer unha entrevista de pulso ao directo, para transmitir a
información ao instante. Respondeu un mozo do Instituto Otero
Pedraio da Coruña. Eu, que estaba sentado no asento inmediatamente
anterior e que puiden escoitar integramente a conversa, fiquei
admirado da fluidez do discurso oral do rapaz e do seu dominio do
rexistro adecuado ao contexto.
Despois de visitaren o
proceso de elaboración da cerámica de Sargadelos, chegou o momento
da comida, que fixemos ao quentiño na biblioteca do Instituto
Perdouro, porque o tempo climatolóxico non nos permitía comer nunha
área recreativa situada á beira do mar (como era o noso desexo).
Non nos meteu ningún medo pedir axuda para mover entre unha sala e
outra medio cento de asentos. Cada un levou o seu e ocupouse de o
devolver ao seu sitio. Como estaba a biblioteca ao final? Impoluta,
evidentemente.
Nun contexto así,
resultounos moi gratificamente poder ofrecerlles o mellor de nós e
despedímolos coa palabra dos nosos Panchitos, os protagonistas dun
vídeo que titulamos O Modelo de Nación do Século XXI, e coa
poesía madura de Maka Ledo e Helena Valle.
Que feliz encontro de
Irmandade!
Sem comentários:
Enviar um comentário