Seccións

17/12/14

Proxecto Neo nº 109.4 - Noa Expósito Campos, Alexandre F. Peón, Anxo González Guerra e Róchi Nóvoa Vázquez




O programa 109 comezou coa intervención de Noa Expósito Campos, que nos presentou o audiovisual que leva por título "As cousas de antes" e convidounos a visualizalo e a apoialo durante o proceso dun concurso.
Seguidamente, Maka Ledo e Helena Valle comezaron a súa serie de entrevistas. O primeiro dos convidados foi o pontevedrés Alexandre Fernández Peón. Este estudante de Xornalismo en Compostela fíxonos a descrición do seu proceso de incorporación á cultura galega, moi especialmente apoiado polo profesorado de Lingua e Literatura do Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra. Este mozo de 18 anos recitounos un poema da súa autoría que resultara premiado no Certame Literario Minerva na súa convocatoria de 2013.
Durante a entrevista, establecemos comunicación directa co profesor Anxo González Guerra, que transmitiu os seus parabéns a Alexandre e, ao mesmo tempo, falounos da ferramenta dixital www.ogalego.eu que conseguiu en 2013 un total de 250.000 consultas desde outros tantos computadores diferentes. Comentounos tamén  que a páxina máis consultada foi a das 116 letras de cantigas galegas, que foi visitada desde 70.000 equipos informáticos.
Na parte final do programa, a conversa continuou pola esfera da poesía e a música. A protagonista foi a escritora Róchi Nóvoa Vázquez, que nos presentou a súa poética e que nos fixo coñecedores da nómina de intérpretes musicais que tomaron os seus versos para faceren cancións (entre eles o colaborador de Proxecto Neo Servando Barreiro). A escritora tivo unhas palabras moi especiais para o seu ex-profesor Isaac Alonso Estraviz, a quen considerou un referente pedagóxico.

10/12/14

Proxecto Neo nº 108.4 - Matías Nicieza, Maka Ledo, Alberto Oural, Carlos García Vieito e Tamara García


Alberto Oural presentando a campaña solidaria en Radio Burela


Comezamos o programa falando de novo sobre A Esmorga. Desta vez coñecemos as impresións de Matías Nicieza. A seguir fixemos a celebración do premio literario conseguido por Maka Ledo, que nos leu en directo o relato gañador do certame convocado polo Concello de Burela co obxectivo de facer sensibilización social contra a violencia de xénero.
No estudio recibimos a visita de Alberto Oural Fra, que nos presentou a campaña solidaria en favor de Priscila, que padece cancro. Priscila é irmá de Gaby, xogadora internacional do Burela F.S. e nas próximas semanas recollerá a colaboración económica enviada desde A Mariña.
Na última parte do programa (min. 40') falamos con Carlos García Vieito sobre a campaña que propugna o recoñecemento da toponimia auténtica no nome do equipo de fútbol da Coruña, que aínda continúa coa denominación predemocrática.
Os minutos finais (48' a 60') foron para Tamara García, autora do libro intitulado As inxustizas do Casón. A ensaísta de Viveiro presentounos a obra e nós dedicámoslle unha peza musical de Ses: "Non son fada".

03/12/14

Proxecto Neo nº 107.4 - María do C. Cociña, Antonio Durán "Morris", Zeltia Montes e Miguel Rodríguez






No programa nº 107, emitido en directo na tarde do 3 de decembro de 2014, fixemos un especial dedicado á versión cinematográfica que fixo Ignacio Vilar inspirándose n'A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. 
Nos primeiros minutos entramos nunha sala de cinema de Santiago de Compostela a través das palabras da profesora María do Carmo Cociña, que nos contou a forte impresión que lle causou o visionado do filme e valorou moi eloxiosamente tanto os traballos de Ignacio Vilar e Zeltia Montes como o dos tres coprotagonistas: Miguel de Lira (Cibrán), Karra Elejalde (Bocas) e Antonio Durán Morris (Milhomes). Durante uns minutos, Helena Valle procurou que a profesora nos confesase aquilo que non lle gustou tanto, mais a entrevistada resistiu todo o que puido.
Despois de escoitarmos un fragmento da banda sonora de Foise co vento, chegou a vez de Maka Ledo, que noutra das súas tardes redondas conduciu unha magnífica entrevista con Antonio Durán "Morris", que nos comentou como foi a súa relación co texto, como viviu o proceso de selección do elenco e -sobre todo- como viviu o proceso de rodaxe. Finalmente tamén nos deu a coñecer como se foi facendo neofalante en Vigo.
Karina Parga tíñanos preparada unha grande sorpresa. Durante a entrevista con Morris, conseguiu establecer comunicación con Zeltia Montes, a compositora das bandas sonoras de Pradolongo, Vilamor e A Esmorga, que saudou en directo a Antonio Durán e que despois tamén nos respondeu a diversas preguntas relacionadas co cinema e coa cultura galega.
Nos minutos finais coñecemos unha nova iniciativa de Educación sen Fronteiras na voz de Miguel Rodríguez, técnico que atende a delegación viguesa desta entidade. Foi a primeira entrevista do noso novo colaborador Lavilson Rodrigues Monteiro, que recolleu o aplauso espontáneo de toda a familia Neo.