DE PRATO PRINCIPAL:
Pescada de Burela (chamada polo seu nome)...
… e de SOBREMESA?:
Castañas de Riós
Matías Nicieza
Karina Parga
Bernardo Penabade
Desde o final do curso
2013-2014, tíñamos pendente unha manifestación de cariño para un
grupo de mozas e mozos que participaron semana tras semana -durante
case dez meses- nunha experiencia educativa que titulamos Proxecto
Neo e que Radio Burela converteu no seu principal espazo de fomento
da convivencia intercultural. Pola razón que fose, nunca aparecía o
momento que viñese ben ao conxunto. Mais durante a celebración da
primeira xornada do Obradoiro de Radio “O Galego na Onda”
comentámoslle a Rubén Riós e Andrés Rozados que nos faría moita
ilusión que aceptasen o noso convite para comermos xuntos na
seguinte xornada do curso e, con grande alegría para nós,
concedéronnos esa honra e deixamos marcada a data: 12 de novembro de
2014.
A responsabilidade do
menú pasámoslla directamente a Luís Rubal, persoa moi comprometida
co apoio á emisora. Non había que explicarlle nada, porque el sabía
moi ben o que supuña para nós ter esa atención con Maka Ledo e
Helena Valle, con Laura e Viviane Brito, con Serxio Rivas, Sofu
Housni e Simón Rodríguez; con Rubén Riós e Andrés Rozados; e
-incluso diría que moi especialmente- con Lucía Rivas, a nosa
Fotógrafa Oficial e vivo exemplo do que é a superación persoal a
base de dedicación. Por iso, pola parte gastronómica estábamos ben
tranquilos. Só faltaba que saíse ben todo o resto.
E o resto comezou con moi
bon pé. Ao acabar a xornada de mañá, esperamos polos nosos mestres
Rubén e Andrés á entrada do instituto e, tan pronto como chegaron,
fomos directamente para o Hotel Canaval. Nada máis chegar, os
convidados xa nos fixeron entrega dun presente moi especial: unha
caixiña de castañas de Riós para a sobremesa. Que delicia! Alí,
en pleno bar, armados de coitelos, amosámolas ben amosadas, xusto
antes de nos sentarmos a comer.
Sinceramente, creo que a
comida foi de ensoño. Soará grandilocuente, si, mais os e as
convivas creo que darán testemuño de que digo a verdade. Dolores do
Canaval puxo todo o seu bon facer unido a unha enorme sensibilidade
para que nos sentísemos como na casa e conseguiuno. Caldiño con
verduras de Lourenzá delicioso -coa substancia inequívoca do feito
na casa, con tempo e con cariño- e pescada do pincho de Burela,
tenriña, coas patacas no seu punto e un prebe sabedor para o paladar
e atractivo para os ollos. Mais iso aínda non foi o único. Porque
acorde coa comida de Dolores estiveron a delicadeza no trato de
Rubén; a profesionalidade de Andrés, que fixo compatíbeis a
atención a nós coa posta a punto dos pormenores de produción do
programa a gravar máis tarde; e a inmensa bondade de Lucía Rivas,
que alí tiña preparado o seu detalliño para cada un dos
protagonistas da iniciativa educativa Proxecto Neo. Foi así como
tomamos as castañas de Riós misturadas cunha dose da Esmorga,
na versión de Ignacio Vilar, coas imaxes en primicia da inminente
Vida de Rubén Riós, coa literatura de Ledicia Costas e coas
fotiños de Lucía. A ilusión feita realidade.
(Vista do prato de pescada en imaxe do teléfono)
(A recepción das castañas xa asadas, en fotografía de Lucía Rivas)
E despois? Depois Radio.
Así con letra grande inicial. Radio dirixida por dous profesionais
da comunicación: Andrés e Rubén (por orde alfabética). Radio
feita por Helena Valle, por Simón Rodríguez, por Maka Ledo e por
Serxio Rivas, acompañados por Sofu Housni, por Laura e por Viviane
Brito. Radio feita con cabeza, mais con paixón. Con guión
literario, gardado como tesouro para que fose sorpresa. Con guión
redondo (combinando creatividade propia con entrevistas no estudio e
por teléfono) con detallazos dos que se falará no seu momento, que
tamén hai que intrigar un pouco.
Así foi a festa de
aniversario do programa número 100, aínda que chegase no día en
que se emitiu o 104. Así o celebramos, reunidos arredor dunha mesa,
cara a cara, gozando do sabor da pescada de Burela (chamada polo seu
nome), das castañas de Riós... e, sobre todo, do sentimento de
Irmandade. Porque os Vilar Ponte non sementaron en van.
Sem comentários:
Enviar um comentário