Seccións

05/03/14

Proxecto Neo nº 83.3 - Luzia Oca + Minda Lusquiños + Rebeca Maseda Longarela + César Morán

ESCOITE AQUÍ O PROGRAMA


Emisión nº 83 correspondente á quarta-feira de cinzas: o día do enterro da sardiña. Na primeira parte do programa fixemos inmersión na interculturalidade en conversa con Luzia Oca e Minda Lusquiños, que nos falaron da exposición Badías: mulleres caboverdianas na Mariña (aberta no Centro de Saúde de Burela durante todo o mes de marzo). Ademais do recordatorio do Día Internacional da Muller Traballadora, tamén acabamos coñecendo outras dúas convocatorias: a da sensibilización contra a discriminación racial e a do Día da Muller Caboverdiana.
Na segunda parte tributamos homenaxe a dous grandes da Mariña: Manuel Leiras Pulpeiro (do tránsito entre os séculos XIX e XX) e Álvaro Cunqueiro (da xeración das Vangardas ou da do 36, segundo o xénero literario a estudar).
Primeiro conversamos con Rebeca Maseda Longarela, a violinista mindoniense da Orquestra Sinfónica de Galiza. Atendeunos desde A Coruña, xusto antes de entrar para un ensaio, e nós recibímola cun poema de Álvaro Cunqueiro. A través das palabras da convidada, evocamos o seu período de formación na Escola de Música de Mondoñedo e na Orquestra de Cámara de Xove, dirixidas por Xan Carballal. Despois abordamos a súa colaboración musical con César Morán como resultado da integración de ambos no Grupo Literario Leiras Pulpeiro.
Despois de escoitarmos o "Deica Abril" de Cunqueiro, entramos en conversa con César Morán, que nos atendeu en calidade de músico sen esquecer a súa condición de catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Foi o momento de contacto directo co artista, a quen xa tíñamos escoitado en primicia interpretando -a compaña de Rebeca Maseda- as "Roseiras" de Leiras Pulpeiro.

Sem comentários:

Enviar um comentário