Seccións

22/01/14

Proxecto Neo nº 77.3 - Aida Amado + Alejandro Roura + Ángel Vizoso + Aitor López



Aproximámonos aos oitenta programas. Un pasiño máis. Neste en concreto reencontrámonos con Aida Amado Fernández, futura experta en negociacións internacionais e persoa que leva dentro de si alma de artista. Esta moza retornou á casa nas pasadas vacacións e fíxoo desde a Alemaña, onde realiza un curso Erasmus na especialidade de Administración e Dirección de Empresas.
Proxecto Neo aproveitou a visita de Aida Amado para coñecer as súas impresións tanto sobre os estudos como sobre a experiencia do intercambio académico para o estudantado universitario. Tamén falamos sobre o proceso de facerse neofalante, porque a convidada foi ampliando o seu repertorio idiomático até conseguir fluidez noutros tres idiomas (francés, inglés e alemán) a maiores dos dous que comezou a aprender na infancia. 
Foi unha conversa cunha persoa tan brillante como humilde, que nos deu todas as facilidades para facermos a entrevista.
Despois de escoitar un éxito musical deste mesmo momento en todo o continente, pasamos a falar sobre o uso das novas tecnoloxías da comunicación aplicadas á divulgación da boa gastronomía. Conversamos por vía telefónica con Alejandro Roura, integrante do conxunto de estudantes que prepararon o espazo Come con Cunqueiro. Tamén nos atendeu Ángel Vizoso, que nos falou dun espectáculo en preparación e que confiamos en poder ver proximamente.
Nos minutos finais reproducimos uns fragmentos da presentación do Galiza de Kepa Junquera en Gasteiz. Escoitamos algo de música, acompañada dunhas palabras de Rocío Dourado e do propio artista. Foi un privilexio que lle debemos ao blogue Galego en Euskalherria, actualizado polo profesor Paulo Lema.
Como colofón, tivemos uns minutos en directo ao noso colaborador Aitor López, que prepara un novo programa para emitir desde Radio Burela.
Felizmente, a Factoría Perdouro funciona.

2 comentários: