Seccións

21/08/13

KEVIN, QUÉROTE



A fotografía desta fermosa declaración de amor, escrita a cores sobre unha desgastada parede, abre de xeito moi orixinal un blog de contidos culturais que está aberto á consulta pública desde estes días e que recolle un documentado estudo sobre o uso da lingua galega no termo municipal de Foz.

O autor do completo estudo e do deseño do soporte dixital que o disponibiliza en aberto para o público xeral é o filólogo Miguel Arce Méndez, licenciado pola Universidade de Santiago e persoa cun dilatado currículo académico no que destaca un período docente na Universidade Nova de Lisboa.  Miguel Arce chegou a Foz en xuño de 2012 e superou as probas selectivas para a provisión dunha praza laboral no Servizo Municipal de Normalización Lingüística, mais antes de finalizar o seu contrato laboral na Mariña conseguiu destino como docente de Lingua e Literatura na comarca berciana. Agora con esta entrega editorial complementa o labor realizado na etapa anterior.

O espazo disponible na rede leva por título Foz Lingua Viva e está na dirección www.fozlinguaviva.wordpress.com. Nel podemos visualizar contidos sobre o cronista Suso Fernández e os historiadores Juan Ramón Fernández Pacios e Xesús Basanta Martínez; sobre o teatro de Manuel Lugilde Penelas e o Cadro de Declamación Focense (1927-1930), sen esquecer as contribucións a este xénero de Francisco Piñeiro González, en calidade de director dos grupos de afeccionados O Batán (de Cangas) e A Adala (de Fazouro).

Complementan os contidos as referencias aos escritores nacidos ou vinculados con Foz (Vilar Ponte, Francisco Lourido, Noriega Varela, Manuel María, Ramón Reimunde, Luísa Castro, Paco Rivas, Laura Branco...) así como a panorámica do uso da lingua galega nas empresas e comercios locais, nas publicacións periódicas e nas entidades deportivas, entre outros.

Sem comentários:

Enviar um comentário