Seccións

27/03/13

Proxecto Neo nº 49.2 - Alicia Yáñez & Karina Parga

Aproxímase o medio centenar de programas. Nas vésperas -49.2- visitamos o Vicedo para falar con Alicia Yáñez, a propietaria da Libraría Abrela e presidenta de Nordés. Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora.

Así a presentou Aitor López: "Nacida no Vicedo en 1982, Alicia Yáñez é Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten mestrado en Formación do Profesorado, o que a habilita para exercer o ensino na etapa de Bacharelato; e Diploma de Estudos Avanzados en materia de Cinematografía. Desde hai apenas un mes é a presidenta de Nordés. A asociación de desenvolvemento das Terras da Faladora e do Río Sor". Despois falamos da venda de libros en tempo de crise, dunha exposición da obra completa do escritor Hixinio Puentes e das actividades de Nordés.

Tras brindar co Licor-café de Lamatumbá, recibimos a visita de Maura e Cláudia, mozas integrantes de Nós Bandeira (novo grupo de música afro-galega). Ficamos formalmente convidados/-as para as ver ao vivo proximamente. 

Na segunda media hora falamos con Karina Parga. Coa súa compaña, coñecemos o contido do programa de actividades que realizaron os nosos convidados bretóns durante os quince días que pasaron na nosa terra. Tamén escoitamos música... e adiantámonos aos acontecementos falando da visita que unha expedición burelá vai facer á Bretaña nestes próximos días. 

Xa no final, emocionámonos coas palabras que nos mandou Xeila Villarino desde Mallorca e dispuxémonos a marchar, cantando baixo a choiva.

 Aquí está o enlace para escoitar o programa.

Sem comentários:

Enviar um comentário