Seccións

19/12/12

Proxecto Neo nº37.2 - Ton Arenas & Anik Nandi

Fixemos Proxecto Neo (en orde alfabética): Aitor, Andrés, Bernardo, Gabi, Iria, Karina, Paula, Paulo e Sara. Se lle sumamos os nosos convidados, case facemos unha ducia.

Este é o programa que comeza con Vicente Fernández cantando aquilo de "Volver, volver". Noutras palabras: comeza en clave de humor. Aproxímase o tempo do descanso escolar, entón os nosos colaboradores non esconden o seu desexo de promover o ambiente festivo.

O primeiro convidado da trixésimo sétima edición chámase Antonio Rodríguez Arenas (artisticamente, “Ton”). Naceu en Córdoba, en 1977. E fillo de mindoniense e de extremeña de La Torre de Santa María, en Cáceres.
Este artista Modelo Burela é cosmopolita desde o berce. Viviu en Córdoba, en Móstoles, en Londres e... ... aos 18 anos chegou á nosa terra para asentarse.
Veu estudar Enxeñaría Técnica Agrícola no Campus de Lugo e acabou por recuperar o vínculo coas Artes. Nunha idade precoz, aos 8 anos, pediulles aos pais que o apuntasen a clases de pintura e con vinte e tantos retomou esa vocación artística e meteuse no teatro.

O segundo convidado é Anik Nandi, o investigador bengalí que chegou a Ourense e despois tomou dirección Santiago. Un sabio da terra de Tagore que se fixo galego en menos de dous anos.

Podedes escoitar o programa de radio na seguinte ligazón: Proxecto Neo nº 37.2

12/12/12

Proxecto Neo nº36.2 - Homenaxe Celso Emilio Ferreiro


O programa 36.2 estivo dedicado integramente a revitalizar a palabra de Celso Emilio Ferreiro. Aitor López púxolle voz con sotaque da Mariña á biografía que recollemos da Biblioteca Virtual Galega:

Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Alí estudou cos Padres Escolapios, dos que recibiu unha formación cultural moi pouco común na época. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estalou a guerra, Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título. 
     
Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.

Seguidamente, viaxamos ás Cangas do Morrazo para falar con Xé Freire. O escritor mindoniense atendeu a nosa chamada e explicounos e recitounos o poema dedicado a María Soliño.

Con Gabriel Bermúdez e coa maxia das ondas viaxamos a Tenerife. Falamos con Luís, fillo de galegos, nacido en Francia. Contounos que traballa como conserxe na localidade de Candelaria, falounos do Barqueiro, da Estaca de Bares e recitounos tamén a Celso Emilio.

Moi caladiño, no estudio, estaba desde o comezo Suso do Correo Vello. Con el falamos máis tarde, despois de o presentar como o que é: mariñeiro de altura e poeta ou poeta que traballa como mariñeiro de altura.
Antes de irmos embora, conversamos telefonicamente con Andoni Herrera. Este cidadán de Barakaldo atendeunos desde Bilbao, onde asistía a un entrenamento do equipo de rugby. Levaba consigo unha antoloxía de tres poetas, entre eles Celso Emilio Ferreiro, e tivo a xentileza de nos recitar un poema da Viaxe ao país dos ananos

 O audio coa música e as entrevistas está aquí: Proxecto Neo nº 36.2

05/12/12

Proxecto Neo nº35.2 - Clara Pino


O 35.2 é o programa que comeza con ton saudoso, porque faltaba a nosa condutora galo-galega. Como a encontrábamos en falta, dedicámoslle aquilo de "Non te vaias, Rianxeira, que te podes marear" na voz de Uxía Senlle.
A seguir, falamos con Marina Barbosa Vicente, unha artista que canta e danza no grupo Nós Bandeira, que fai música tradicional africana, e que tamén participa nas Batuko Tabanka.

Tras ler un fragmento de Un dedo manchado de tinta (Manuel Portas; Xerais, 2011), estivemos con Clara Pino (Vigo; 1972).

Falounos de música, de literatura e tamén do idioma. Díxonos que non falou en galego desde pequena; que seus pais a educaron en castelán, o mesmo idioma en que foi escolarizada (sen concesións ao galego). 
Comentounos que aos 8 anos iniciou os estudos de Música Clásica no Conservatorio Superior de Música de Vigo e que ao terminar COU licenciouse en Filoloxía Hispánica en Santiago. Recalcounos que combinou os estudos de Letras cos de Canto no Conservatorio.

Ao rematar a carreira, sentiu curiosidade pola harpa celta. Coñeceu Rodrigo Romaní, que sería o seu profesor durante 5 anos. Rodrigo propúxolle un proxecto musical,Setesaias, e saíu o seu primeiro disco.

Nesa altura, Clara Pino deu o salto definitivo ao galego "en todos os contextos comunicativos". É moi lindo como ela o conta: "Fíxenme esta pregunta: se canto en galego e dou as miñas aulas en galego....que sentido ten non falalo no resto dos contextos?". Enfín... Unha ES-TRE-LA! Os neofalantes son así!!!