Seccións

19/11/25

Proxecto Neo 470.15: Especial mes da ciencia en galego co neurocirurxián Pedro Reimunde

Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día, A Pílula das ciencias e a sección O corpo fala. Mais antes de entrar en materia, ao longo deste mes de novembro seguimos poñer os pelos de punta coa nosa sección de Audiorrelatos de medo do Samaín. Ouviamos os audiorelatos de Belanice e de Mauro. 

O programa 470 é un monográfico especial Mes da Ciencia en Galego. Entrevistamos ao neurocirurxián Pedro Reimunde, oriúndo de Alfoz. Traballa no HULA, o Hospital Universitario Lucus Augusti e imparte clase nas universidades da Coruña e de Santiago. Con el falamos do seu inmenso itinerario formativo, da súa actividade deportiva, do seu recente recoñecemento no Congreso Nacional Neuro-raquis e da práctica do exercicio físico como unha das opcións terapéuticas máis importantes no tratamento das doenzas da columna vertebral.






13/11/25

Proxecto Neo 469.15: Ana Dorrego Rivas & Hector Méndez Fernández

 
Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día e A Pílula das ciencias. Mais antes de entrar en materia, ao longo deste mes de novembro seguimos poñéndovos os pelos de punta coa nosa sección de Audiorrelatos de medo do Samaín. Ouviamos os audiorelatos de Leonor e de Isaías. 
 
Co gallo do mes da Ciencia en galego, a primeira convidada desta tarde foi a doutora en neurociencias Ana Dorrego Rivas. Natural de Barreiros, hoxe reside en Londres. Con ela falamos do porqué da fuga de cerebros e da súa investigación en neurociencia. Detallounos o estudo que está coliderando sobre o desenvolvemento do noso cerebro e de como procesa os olores. 
 
Mais novembro é tamén o mes do 25N e entrevistamos Hector Méndez Fernández, psicólogo e Garda Civil da comandancia de Lugo e formador do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade. El visítanos cada ano impartindo charlas de sensibilización de diversas temáticas. Hoxe tivémolo con nós para falar da situación actual da violencia contra a muller.





05/11/25

Proxecto Neo 468.15: Fran da Lobeira & Verónica Falcón Rielo


Como temos por costume, comezamos o programa cos espazos colaborativos: A Noticia do Día e A Pílula das ciencias. Mais antes de entrar en materia, ao longo deste mes de novembro imos poñer os pelos de punta coa nosa sección de Audiorrelatos de medo do Samaín. Ouviamos os audiorelatos de Manel e de Seynabou.

O primeiro convidado desta tarde foi Francisco Bermúdez Prieto, creador de contido en galego. É activista dixital e “community manager” amateur coñecido polas redes sociais como Fran da Lobeira. Lobeira é un topónimo da parroquia de Santa Mariña do Monte, no Concello de San Sadurniño na Coruña de onde é oriúndo. Confesa que foi falante de castelán até os 39 anos e hoxe explicaranos o porqué desta mudanza ao galego. Afincado en Madrid por traballo, militar de profesión, é suboficial especialista en SONAR no Estado Maior da Defensa. Mais Fran da Lobeira é un tipo ecléctico, polifacético, hiperactivo e xeneroso. Con el falamos dos seus comezos no mundo do cine como cineasta afeccionado co colectivo Chanfainalab, dos seus vídeos marabillosos na súa canle A Lobeira Today. Vimos como a través de YouTube reorientou a súa creatividade para publicar pequenos xogos audiovisuais nos que propón adiviñas culturais que teñen como elo común o coñecemento do galego. Tamén foi dos primeiros Instagramers en crear un vídeo diario en galego e na súa canle de YouTube deu visibilidade a máis de 240 canles na nosa lingua cada ano. En definitiva, Fran da Lobeira é o primeiro “streamer” en lingua galega en transmitir directos de máis de 1 día sen pausas na rede social Twitch e YouTube. Ademais é presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego que agrupa as tres grandes comunidades de creación dixital de contido en galego: Podgalego, Twitch en galego e YouTube en galego e que ten como principal obxectivo promover a divulgación e a normalización da lingua a través das novas tecnoloxías.

A nosa segunda convidada foi Verónica Falcón Rielo. Nada en Girona, de pais galegos e emigrantes polo territorio español. Véronica exerceu a súa profesión de docente en Valencia, Castela - A Mancha, Asturias e na actualidade en Galicia. Con ela falamos da vida na emigración, dos seus estudos, do bilinguïsmo dos sistemas educativos, da súa paixón deportiva e da súa práctica docente nas distintas comunidades polas que estivo e está exercendo.

Fran da Lobeira

Verónica Falcón Rielo