Seccións

21/11/24

Proxecto Neo 436.14: Josefino Quedi Barbosa Brandão; Denís Gutiérrez; Marcos Bermúdez.

Como temos por costume, esta semana tamén abrimos o programa cos espazos colaborativos: A noticia da Semana e a sección de Astronomia. Inmediatamente despois, por xentileza do profesor Bernardo Penabade, que estes dias está em Cabo Verde, ouvimos unha magnífica entrevista co director da escola Agrupamento II Complexo Educativo do Salineiro, na illa de Santiago, en Cabo Verde. Josefino Quedi Barbosa Brandão, falounos sobre como funciona unha escola de ensino secundário caboverdiana. Na parte final do programa falamos con Denís Gutiérrez, coordinador do programa Erasmus +, e con Marcos Bermúdez, aluno beneficiario do programa, que nos contou en primeira persoa como foi a súa experiencia nun centro de traballo no estranxeiro.

14/11/24

Proxecto Neo: 435.14 Javier Miranda; Cristina Castro.




Esta semana tamén abrimos o programa cos espazos colaborativos: A noticia da Semana e a sección de Astronomía. Imediatamente depois oímos os dous audiorrelatos finalistas do Samaín, feitos polos alumnos Alba Fernández Quelle, de 1º de bacharelato, e Abraham Díaz Palacios, de 4º PDC. Na parte central do programa de hoxe conversamos con Javier Miranda, un xoven agricultor con moita vontade de traballar e ver producir as pequenas e fértiles “Terras de Miranda”, situadas na Mariña Lucence. Con este xoven emprendedor de Riotorto falamos hoxe da experiencia na súa empresa, un exemplo de profesionalización no sector da horta. Xa na parte final do programa falamos con Cristina Castro, esta artista galega, autodidacta da pintura e fotografía, afincada en Ourol. Con ela falamos da exposición "Sobre as nosas cabezas" que estes días pode ser visitada na Casa da Cultura de Burela. Un traballo que aborda a carga e desigualdade que sofren as mulleres en moitas culturas.

07/11/24

Proxecto Neo 434.14: Alejandro Fernández; Luz Aída Quiroga; Yahaira Shirley Castiñeira Quiroga; Marta Ledo Xardón.

 

Como temos por costume, esta semana tamén abrimos o programa cos espazos colaborativos: A noticia da Semana e a sección de Astronomía.
Inmediatamente despois da primeira música, por xentileza da profesora Lara Oliveros, tivemos unha magnífica entrevista que aborda o desenvolvemento económico no ámbito rural.
Alejandro Fernández Reigosa, de Ferreira do Valadouro, presentounos unha empresa de produción de carne de vacún ecolóxica.
O noso programa de diálogo entre culturas estivo centrado na experiencia dunha familia de orixe colombiana, residente en Burela.
Acompañounos no estudio, Luz Aída Quiroga Delgado, chegada á nosa terra en 2006; e a súa filla, Yahaira Shirley Castiñeira Quiroga.
Con Luz Aída e Yahaira falamos na parte central de Proxecto Neo.
Na parte final do programa viaxamos a Asturias para falarmos con Marta Ledo Jardón, poeta, integrante da Asociación Axuntar.
A Asociación Axuntar celebrou recentemente un encontro en Castropol: a entrega dos premios que levan o seu nome.



31/10/24

Proxecto Neo 433.14: Especial Radio Saúde Burela

 


O programa 433.14 é un monográfico dedicado á atención sanitaria. Coa axuda de Catalina Caamaño, farmacéutica do Centro de Saúde de Burela, conversamos con Alicia Rama, traballadora social no Servizo Galego de Saúde, unha das responsábeis da Rede Galega de Promoción de Saúde na Área Sanitaria de Lugo.
Feita esta contextualización inicial, coñecemos en que estado está (no ámbito local) a ponte de comunicación entre as escolas e a Estratexia de Prevención da Saúde.
Polo sector sanitario, tamén nos acompañaron no estudio, Rocío López, do Instituto Monte Castelo; Miruca Parga, Vicedirectora do Instituto Perdouro; e Pepa Amor, da Escola Virxe do Carme, dos Castros.
Finalizamos o programa coa intervención de tres autoridades do sistema sanitario no ámbito local: Maite Lanza, da Unidade de Asistencia á Drogodependencia; Rosa Fraga, de Atención Temperá; e Aránzazu de Miguel, médica de Atención Primaria.

Foto de familia do grupo de persoas que participaron de maneira presencial no programa de Radio Saúde-Burela. De esquerda a dereita: Shiva Alinda Nurhackin; Aránzazu de Miguel Gómez; Miruca Parga; Karina Parga; Iago Rodríguez; Rosa Fraga; Vanessa Vila-Verde; Manuela Pintor; Maite Lanza; Catalina Caamaño.
Foto: Lucía Rivas.

23/10/24

Proxecto Neo 432.14: Aarón Bermúdez; Moraima Yáñez; Pedro Lamas.


Abrimos o programa 432 cos espazos colaborativos: “a noticia do día”; e a crónica dunha viaxe educativa a Samos. Esta crónica foi unha nova colaboración do profesor Fernando Losada.
Despois de viaxarmos ao Cebreiro e a Samos, regresamos á Mariña para conversarmos cun deportista convaleciente. Ese deportista convaleciente dunha lesión de gravidade chámase Aarón Bermúdez.
A terceira convidada desta entrega foi unha comerciante moi coñecida en Burela, Moraima, a propietaria da Confitería KIKO. Con Moraima, entrevistada por Caetana, abrimos a sección: Mulleres emprededoras.
Pechamos o programa conversando con Pedro Lamas, músico participante na Homenaxe a Joám Vicente Viqueira, organizada no día en que se cumpría o centenario do seu nacemento: o 22 de outubro de 2024.

  Pedro Lamas, entrevistado neste programa, é un dos artistas que acturaron na homenaxe a Viqueira celebrada no cemiterio de Ouces. Con el están Eva Otero e Marta Pumares.

16/10/24

Proxecto Neo 431.14: Xema Sanxurxo; José Maria Díaz; Nádia Cabral Moniz Gonçalves.



Abrimos o programa 431 con Xema Sanxurxo, colaboradora de Proxecto Neo e Coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística. Con esta coruñesa falamos de ensino, de música e de moitos outros temas.

Despois da entrevista realizada por Moustaphá Sarr, recibimos a visita de Jose, que se define como “Proxecto de Mestre”. El foi quen nos presentou a iniciativa “Máis que particulares”.

A terceira convidada desta entrega do programa foi Nádia Cabral Moniz Gonçalves. Esta moza, orixinaria da cidade da Praia, a capital de Cabo-Verde, chegou a Burela no ano 2020. Con ela falamos contra o final.



09/10/24

Proxecto Neo 430.14: Shiva Alinda Nurhackin; Johana Haz Sar; Iván Penelo


A primeira convidada do programa desta tarde foi a nosa compañeira Shiva Alinda Nurhackim.
Shiva estivo mostrando estes días a súa obra artística no programa “Quen anda aí?”, da Televisión de Galicia.

Grazas ao programa da Televisión Galega, Shiva retomou o contacto cunha amiga da infancia e nós tamén falamos esta tarde con ela.

Chámase Johana Haz Sar. É de Muxía e estuda no Instituto Terra de Soneira, en Vimianzo.

Nesta nova entrega do programa conversamos tamén con Iván Penelo, Técnico en Saúde Ambiental, con estudos realizados no Instituto Monte Castelo; e Pedagogo, pola Universidade de Santiago.

Iván Penelo é presidente do Burela Surf Club e ademais traballa no Centro San Aníbal, de Burela.



02/10/24

Proxecto Neo 429.14: María García Abad; Javier Mogo Torrado; Bríxida Pino


Abrimos o programa desta tarde coa colaboración do profesor Fernando Losada, que nos fixo crónica da visita educativa con alumnas e alumnos de bacharelato ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.
Despois da colaboración do profesor Fernando Losada e da primeira das músicas, conversamos con María García Abad, estudante de Artes.

Con María García Abad falamos de teatro, de patinaxe, de ximnasia rítmica e incluso de Artes Marciais.

Despois da nosa conversa con María García, coñecemos o noso profesor Javier Mogo Torrado, da área de Administración.

Nos minutos finais, o protagonismo foi para o centenario da Escola de Burela.

Do centro escolar construído con diñeiro da emigración, que abriu as súas portas en 1924 (hai agora un século), falamos coa profesora Bríxida Pino, presidenta da Asociación de Veciños “O Vencello”.



25/09/24

Proxecto Neo 428.14: Yago Fernández Rubiños; Lara Oliveros Ben; Alberto Rapa.




Abrimos programa en conversa cun estudante do bacharelato de Ciencias. Chámase Yago Fernández Rubiños. O noso convidado practica pintura na Academia Mancharte, fai teatro na ADALA de Fazouro e é voluntario no Grupo de Participación Xuvenil e na Cruz Vermella de Burela.

A segunda convidada -que tamén nos acompañou no estudio- foi Lara Oliveros Ben, Economitas pola Universidade da Coruña e docente de Economía no Instituto Perdouro. 

A profesora Lara Oliveros presentounos o Proxecto Educativo: ACTIVA A TÚA VOZ.

Nos minutos finais falamos de fotografía. Concretamente do CLUBE FOTOGRÁFICO IMAXE que, despois dunha pausa no camiño, toma novos folgos para prolongar os seus trinta e dous anos de historia.

De Fotografía e do Clube fotográfico Imaxe, falamos co presidente da entidade: ALBERTO RAPA.

Lara Oliveros foi entrevistada en Proxecto Neo. Presentou o programa
Activa a túa voz.


19/09/24

Proxecto Neo 427.14: Catalina Caamaño; Maria José Cortés Canay; Iago Míguez; Lina Gómez Pardo.



Abrimos a décimo cuarta etapa cunha entrevista a unha das nosas colaboradoras: Catalina Caamaño Isorna, farmacéutica do Centro de Saúde de Burela.
Con Catalina Caamaño falamos primeiro de diálogo entre culturas.
E despois presentamos unha actividade moi directamente relacionada coa saúde: A Semana da Mobilidade.

O ámbito da Saúde tamén estivo representado pola segunda das convidadas: María José Cortés Canay, Directora do Hospital da Mariña.

Neste programa en Feminino Plural, a nosa terceira convidada representou a ponte entre a escola e a participación política. Lina Gómez Pardo, concelleira de Cultura, mestra de profesión, presentounos o programa da Semana da Mobilidade.

Con Lina Gómez Pardo estivo tamén Iago Míguez, Técnico de Deportes do Concello de Burela.




27/06/24

Proxecto Neo 426.13: Pablo Peláez Campos; Adina Vladu; Francisco Dubert.


Abrimos este derradeiro programa do curso 2023-2024 cunha entrevista moi especial, producida e realizada por un estudante que acaba de superar o primeiro curso do Ensino Secundario. Iago Rodríguez é o discípulo e Pablo Peláez Campos é o mestre. O tema: a música.

Neste programa tivemos tamén tempo para a celebración do máis universal dos CARBALLOS.
Trátase do CARBALLO do Proxecto Nós, o modelo de linguaxe que permitirá a creación de novas ferramentas e aplicacións de intelixencia artificial (IA) en idioma galego.
Para coñecermos este novo CARBALLO, a nosa primeira convidada foi Adina Vladu, doutora en Filoloxía pola Universidade de Bucarest, investigadora en materia de lingüística computacional e -actualmente - investigadora asociada no Proxecto Nós.
Nos minutos finais, falamos con Francisco Dubert, filólogo, profesor na Universidade de Santiago de Compostela.

20/06/24

Proxecto Neo 425.13: OFERTA EDUCATIVA DO IES PERDOURO



Abrimos o programa 425 cun novo traballo preparado polo profesor Fernando Losada. Desta vez foi unha reportaxe sobre un encontro entre dúas xeracións. Un paseo por Burela, organizado pola Cruz Vermella coa colaboración do Instituto Perdouro.
Inmediatamente despois da audición desta reportaxe sonora, falamos da oferta educativa da área de Fabricación Mecánica. Cos profesores Manuel Basanta e José Antonio Rivas, falamos de soldaduras, tornos, fresadoras e do funcionamento de máquinas automatizadas.
A oferta educativa en materia de Xestión Administrativa e tamén de Administración e Finanzas foi presentada pola profesora María G. Jartín, que estivo acompañada por un ex-alumno do centro: Yago Montenegro García.
Con Noé F. Quelle, un dos integrantes da Masa Coral Modelo Burela, e co profesor José Luís Fernández Pérez falamos sobre os ciclos formativos da área de Electrónica.
Os últimos minutos do programa dedicámolos a falar do coidado da Imaxe Persoal, especialmente do coidado do cabelo e da pel. O profesor Javier Rouco acompañou a alumna Alicia Cabarcos.

13/06/24

Proxecto Neo 424.13: Maria Navarrete; Gustavo Teodoro (IES Lucus Augusti); Carla Bouza (IES Muralla Romana).




Abrimos o programa 424 cunha conversa con María Navarrete, Educadora Emocional.A profesora da Universidade de Manresa está estes días traballando con adolescentes, familias e profesorado do Instituto Perdouro.
Inmediatamente despois da conversa con María Navarrete, entramos en contacto con Gustavo Teodoro, do Instituto Lucus Augusti, para falarmos sobre o Enrédate.
O Enrédate é un certame lúdico-literario organizado pola área de Cultura do Concello de Lugo.
Sobre este mesmo tema, tamén falaremos con Carla Bouza, do Instituto Muralla Romana, e con un dos organizadores, Anxo Lamelo.

05/06/24

Proxecto Neo 423.13: Carmela López (alcaldesa de Burela); Fanny Prieto; Laura Cao.



Esta semana comezamos coa emisión dun novo traballo do profesor Fernando Losada que nos permitiu ouvir as recomendacións literarias realizadas por 7 alumnos e unha alumna do 1º curso de Ensino Secundario: Román, Cyntia, Gabriel, Senén, Iago, Yeray, Raúl e Adrián. 
Logo a seguir entramos no contido central do programa coa música de Sofía Espiñeira que abriu a porta a unha entrevista con Carmela López, alcaldesa de Burela.
Unha vez pasado o ecuador, conversamos con Fanny Prieto, profesora de Lingua e Literatura Galegas, que se incorpora á docencia.
Nos minutos finais ocupámonos de novo das Aulas sen Fume, que recibiron premios. A profesora Laura Cao, comentounos quen os levou e en que consisten.

31/05/24

Proxecto Neo 422.13: Víctor Bargiela; Guillerme Espada Barcón; Xacobe Bruña; Montserrat Pousa



Comezamos o programa 422 conversando con Víctor Barxiela, do Grupo de Lingüistas pola Diversidade, el foi o noso primeiro convidado.Víctor Barxiela estivo estes días facendo entrevistas na comarca  da Mariña para estudar a situación de convivencia entre as linguas.
Tamén atendeu a nosa chamada un estudante de Vigo. Guillerme Espada Barcón ten 14 anos. Está en 3º de ESO e no tempo libre estuda xaponés, toca o piano e a gaita e dedícase á lectura do origami.
Esta semana falamos tamén das NEVES, o filme de Sonia Méndez. Xacobe Bruña, que fai o papel de Diego, contounos as súas impresións.
No último dos contidos, visitamos a localidade arraiana de Goián e estivemos coa Doutora Montserrat Pousa Ortega para que nos falase do escritor Pablo Pousa Carrera.

22/05/24

Proxecto Neo 421.13: Andrea Varela; Daniela Fernández Rivas; Jennifer Balseiro.


Abrimos o programa 421 coa primeira protagonista da tarde, Andrea Varela, actriz de cinema, unha das protagonistas das NEVES, a primeira longametraxe de Sonia Méndez que foi estreada nestes días pasados. Coa axuda de Andrea Varela coñecemos algo máis sobre esta historia protagonizada por adolescentes.
Inmediatamente despois falamos con Daniela Fernández Rivas, estudante do primeiro curso de Ensino Secundario moi vocacionada para o estudo da Bioloxía e a Veterinaria.
De teatro, de cinema e de educación falamos coa nosa seguinte convidada: Jennifer Balseiro. Natural de San Claudio (Ortigueira), a profesora Balseiro Fernández fixo, por un lado, estudos de produción e realización audiovisual; e, por outro, a carreira de Lingua e Literatura Francesa. Durante este curso traballa no Instituto Perdouro.

15/05/24

Proxecto Neo 420.13: Antía, Xulia, Natalia e Helena (estudantes de 1º do ESO); Cyntia García Leal; María Reimóndez




Comezamos o programa 420 coa gravación dunha breve conversa con catro deportistas: Antía, Xulia, Natalia e Helena, estudantes do primeiro curso de Ensino Secundario que gañaron recentemente o campionato provincial de baloncesto na categoría Infantil.
Despois de falarmos coas xogadoras de baloncesto, coñecemos outra estudante deportista: Cyntia García Leal, ela tamén está no 1º curso do Ensino Secundario, mais practica outro deporte, a ximnasia rítmica.
O contido central deste programa 420, correspondente á semana de celebración das Letras Galegas, foi unha entrevista coa escritora María Reimóndez. A autora do Clube da calceta, Corredora, Usha ou Furia, estivo participando en Burela nun obradoiro de animación á lectura. Na parte final falamos con ela para sabermos como foi o resultado da visita.

08/05/24

Proxecto Neo 419.13: Catalina Caamaño; Eugenia Siretanu Lupascu; Rut Busto Domínguez.



 No programa 419 falamos con Catalina Caamaño, farmacéutica de Atención Primaria, que nos visitou novamente en calidade de coordenadora da aplicación en Burela da Estratexia de Promoción da Saúde, unha iniciativa do Ministerio de Sanidade.

De saúde falamos tamén coa segunda convidada: Eugenia Siretanu Lupascu, médica de orixe moldava. A doutora Siretanu Lupescu está realizando a última fase de Médica Residente no Hospital da Mariña.

Na terceira parte do programa tivemos como protagonista unha escritora de 15 anos. Chámase Rut Busto Domínguez e é de Ames, un concello moi próximo a Santiago de Compostela.


30/04/24

Proxecto Neo 418.13: Gabriela Prego e Marta Estévez Grossi; Julio López Quiroga; Miguel Calvo.

 

Proxecto Neo 418.13: Gabriela Prego e Marta Estévez Grossi; Julio López Quiroga; Miguel Calvo.

No programa 418 falamos da Olimpíada TROCANDO LINGUAS, un encontro que se celebra na Universidade de Santiago de Compostela.
Sobre este programa da Olimpíada TROCANDO LINGUAS falamos coas profesoras Gabriela Prego e Marta Estévez Grossi.
No noso particular tempo de animación á lectura estivo con nós o escritor Julio López Quiroga, quen nos contou como está a proveitar a segunda oportunidade que lle deu a vida.
Xa na terceira parte do programa conversamos co profesor Miguel Calvo, do Instituto Ferrolterra, que nos presentou un invento mecánico. Chámase ECO-GREL.

24/04/24

Proxecto Neo 417.13: Programa dedicado ás Aulas sen fume; Brais Sixto; Jairo Campo Vázquez; Jorge Quelle; Maite Lanza.


O programa 417 estivo dedicado ás aulas sen fume.Aulas sen fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo.
Está dirixido a escolares de primeiro ciclo de ESO, de entre 12 e 14 anos e está incluído no Plan Proxecta da Consellaría de Educación. Fomenta o compromiso individual e colectivo de non fumar
durante 6 meses.
Noutras palabras: como temos claro que o fume mata, este programa aposta pola vida.
O primeiro convidado que nos acompañou foi Brais Sixto, deportista e actor. Estudante de 1º de ESO.
Inmediatamente despois de falarmos con Brais, o protagonista da seguinte conversa foi Jairo Campo Vázquez, educador, deportista e xestor do deporte.
Esta tarde tamén nos acompañou outra estrela do deporte: Jorge Quelle, xogador do Burela Futbol Sala, da primeira división.
Xa nos últimos minutos do programa recibimos a visita de Maite Lanza, traballadora social; Técnica de prevención na Unidade de Drogodependencias de Burela.

17/04/24

Proxecto Neo 416.13: Dani Borrajo Trelles e Leire Mate Ares; César Fernández Zapata; Faustino Recalde; Noela Fernández Soto



Esta semana abrimos o programa 416 coas recomendacións de programas da nosa radio á carta. Os participantes desta edición foron Dani Borrajo Trelles e Leire Mate Ares. 
O protagonista da nosa primeira entrevista foi César Fernández Zapata, profesor de Lingua Inglesa no Instituto Perdouro e campión galego dunha das artes marciais, que nos deu a coñecer durante a entrevista. 
O segundo protagonista desta tarde foi Faustino Recalde, que participou representando o Seminario de Estudos “Os Espigueiros”, mais tamén o grupo teatral Ollomau, que interpretará O TRABALLO DE ANDREA na Casa da Cultura do Valadouro.
Nos minutos finais tamén conversamos con Noela Fernández Soto, presidenta do Seminario de Estudos "Os Espigueiros".

10/04/24

Proxecto Neo 415.13: Xavi Expósito; Samir Carrillo; Antía Domínguez; Yolanda Fernández; Nuria Revuelto; Adriana Polo.



Nesta ocasión o programa estivo dedicado ao ben-estar emocional e á convivencia. Antes de conversarmos con tres convidadas, emitimos catro breves colaboracións: unha de Xavi Expósito, outra de Samir Carrillo, unha terceira do alumnado da materia de Ciencias Ambientais e unha cuarta de Antía Domínguez Piñeiroa.
Xa dentro das entrevistas, en primeiro lugar, falamos con Yolanda Fernández, coordenadora de ben-estar emocional e convivencia no Instituto Perdouro.
A segunda das convidadas foi Nuria Revuelto Crespo, psicóloga da Cruz Vermella.
Para finalizar conversamos con Adriana Polo, ex-alumna do ciclo de Xestión Administrativa no Perdouro e agora estudante de Marketing e Publicidade no Instituto das Mercedes en Lugo.



04/04/24

Proxecto Neo 414.13: Miriam Beizana Vigo (escritora); fomento da expresión oral (Pedagoxía Proxecto Neo)

 

O contido central do programa 414 foi unha colaboración do profesor Fernando Losada. Este preparou para Proxecto Neo unha moi completa entrevista coa escritora Miriam Beizana Vigo, unha escritora galega do tránsito entre os séculos XX e XXI. Agora está de máxima actualidade porque acaba de publicar un novo libro.
 Nos minutos finais do programa falamos sobre o aproveitamento pedagóxico deste programa. A radio á Carta de Proxecto Neo é unha magnífica fonte de recursos para a aprendizaxe da comprensión e a expresión oral.

20/03/24

Proxecto Neo 413.13 Nicolás Veiga; Catalina Caamaño e María Méndez; Ramón Casas, Compañía de teatro Ollomao.

 

No programa 413 conversamos con Nicolás Veiga, en representación da Asociación Guillém Veiga Iglesias, que traballa para a detección precoz de trastornos de crecemento na etapa infantil.
De saúde continuamos falando tamén nos seguintes minutos. Desta vez con Catalina Caamaño e con María Méndez, do Centro de Saúde de Burela. Con Catalina Caamaño, farmacéutica; e con María Méndez, enfermeira, falamos da PAUSA ACTIVA POLA SAÚDE que se realiza todos os días durante cinco minutos, entre as 12 e as 12:05. O lugar da cita é na praza do Concello de Burela e a convocatoria está incluída na ESTRATEXIA DE PROMOCIÓN DA SAÚDE organizada polo Centro de Saúde e o Concello de Burela e o Ministerio de Sanidade.
Nos minutos finais estivo con nós David Baltar, estudante de 4º de ESO, que nos falou sobre a oferta educativa para aprender a xogar ao xadrez.

14/03/24

Proxecto Neo 412.13: Sara, Lía e Sabela (IES de Beade); Silvia Iglesias (IES de Beade) e Suso de Toro



Esta semana abrimos o programa 412 cunha nova colaboración de Sara, Lía e Sabela, estudantes do Instituto de Beade, en Vigo.
Mais unha vez, esta colaboración chegounos grazas ás xestións da profesora Silvia Iglesias. Con ela tamén falamos.
Na segunda parte do programa conversamos co escritor Suso de Toro.
Con el fixemos un repaso da súa traxectoria lingüística para acabarmos coñecendo a súa etapa de neofalante que o levou a facerse escritor na nosa lingua común.

Ibrahima Djanban, Izan G. Maseda e Iago Rodríguez, protagonistas do programa 412. Na foto aparecen con Karina Parga e Vanessa Vila-Verde.

06/03/24

Proxecto Neo 411.13: Antía Yáñez; Daniela Domingos Lopes


No programa 411 conversamos coa escritora Antía Yáñez, que dirixiu en Burela un obradoiro de creación literaria. Esta actividade estivo encadrada dentro da conmemoración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller.

Na segunda parte do programa estivo con nós Daniela Domingos Lopes, xogadora do Burela F.S. Con ela falamos sobre outra celebración reivindicativa: a da sensibilización contra a homofobia no deporte.
 

 

28/02/24

Proxecto Neo 410.13: Ana Polanco (IES Monte das Moas); Sara, Lía e Sabela (IES de Beade); Joana e Sara (IES Xoán Montes); Celia Bispo.


Esta semana comezamos o programa 410 coa colaboración de Ana Polanco, alumna do IES Monte das Moas. Da cidade da Coruña viaxamos á cidade de Vigo para ouvirmos as nosascolaboradoras Sara, Lía e Sabela, estudantes no Instituto de Beade.
As nosas seguintes convidadas participaron desde a cidade de Lugo: chámanse Joana e Sara. Ambas estudan 1º de ESO no Instituto Xoán Montes.
A protagonista central do programa foi Celia Bispo, unha muller de 96 anos, nacida no ano 1928. Ela foi entrevistada por Vreixo Cao, nacido no ano 2015, o integrante mais novo da masa coral Proxecto Neo.

21/02/24

Proxecto Neo 409.13: Aqui tamén se fala (IES Monte das Moas); Cristian F. Caruncho; Jesús San José Arranz; Uxío Rego.



Abrimos o programa cunha nova colaboración que nos enviaron desde o Instituto Monte das Moas, da Coruña. Neste caso, a colaboración dunha alumna: Sofía Calderón.
Despois da música, conversamos cun artista de Banda Deseñada: Cristian Caruncho, que nos presentou Saínza, a punkiereteira e que nos falou sobre un obradoiro a realizar no Instituto Perdouro.
O noso seguinte convidado foi outro artista: o pintor Jesús San José Arranz, que esta semana inaugura exposición.
Contra o final do programa, o protagonista foi Uxío Rego, estudante do Mestrado de Educación na Universidade da Coruña. Uxío está neste momento realizando as prácticas docentes como profesor de Tecnoloxia, orientado por Natalia Irímia, colaboradora do noso programa.

 

Imaxe da entrevista de Nicolás Amorín a Jesús San José Arranz

 

07/02/24

Proxecto Neo 408.13: IES Monte das Moas; Grupo de Participación Adolescente; Leticia Maseda e Edzana Semedo (IES de FOZ); Pedro Souto (IES nº 1- A Estrada)

 

Abrimos o programa 408 co AQUÍ TAMÉN SE FALA. Foi unha colaboración do Instituto Monte das Moas da Coruña.

Despois da primeira música, Mateo Corral e María Puente faláronnos do Grupo de Participación Adolescente de Burela.

Leticia Maseda, directora do Instituto de Foz, presentounos un encontro gastronómico internacional (MENU COM SABOR PORTUGUÊS) e introduciu a entrevista cunha das alumnas do Ciclo Superior de Hotelaría (polo sistema dual). Con Edzana Semedo Lopes conversamos demoradamente sobre a súa traxectoria vital, a formación académica e a experiencia no Grupo Paradores.

Finalizamos a emisión cunha conversa co Xeneral Pedro Souto, que nos falou sobre o ENTROIDO DO ULLA. 



31/01/24

Proxecto Neo 407.13: Yeray Díaz; Iago Rodríguez; Sara Pico (IES Muralla Romana); Brais Pedreira Taboada

 
 
Iniciamos o programa 407 cunha das colaboracións do Aquí TAMÉN SE FALA: desta vez foi unha crónica que nos chegou de Vigo. Concretamente do Instituto Santa Irene.
A primeira das músicas serviu para abrir a porta a dúas novas voces no noso programa: as de Yeray Díaz e Iago Rodríguez, que xa levan unhas semanas connosco, en cualidade de observadores.
A seguir, Sara Pico, alumna do Instituto Muralla Romana de Lugo, falounos do Concurso Lucus Intercentros, que se celebrou durante este mes de xaneiro.
Em Proxecto Neo tamén falamos hoxe de estudos de HOSTELARIA. Foi unha colaboración do Instituto de Foz, que prepara un singular encontro gastronómico a celebrar no próximo día 8 de febreiro.
Finalizamos a emisión cunha conversa sobre ATENCIÓN Á DIVERSIDADE educativa. Neste caso o noso experto foi o profesor BRAIS PEDREIRA TABOADA.



24/01/24

Proxecto Neo 406.13: Aqui tamén se fala; Érica Gomes Mendes; Brais Tato (IES Nº 1 na Estrada)


Neste programa 406, contamos cunha nova colaboración da Escola dos Castros. O seu gatiño enviounos un novo presente: é unha recomendación literaria moi orixinal. Despois o AQUÍ TAMÉN SE FALA levounos a dous lugares diferentes: Viveiro e a Estrada. Do primeiro tivemos unha colaboración do Instituto María Sarmiento e da Estrada chegounos unha crónica que nos envíaban do Instituto Nº 1.
A entrevista central do programa desta tarde estivo protagonizada pola nosa directora, a profesora Vanessa Vila-Verde, e unha alumna da Universidade de Santiago: Érica Gomes Mendes.
Érica Mendes Tavares estudou no Instituto Perdouro, en Burela; e a súa foi a primeira promoción con título B1 polo sistema CUALE, o programa de Cualificación Lingüística.
Nos minutos finais, atendeu a nosa chamada Brais Tato, un deportista e criador audiovisual que está no final da etapa do Ensino Secundario Obrigatorio.

As protagonistas da conversa central: Vanessa Vila-Verde e Érica Gomes Mendes

Noely Cardoso durante a locución do sumario do programa





Mateo Corral no día da súa reincorporación á locución

Karina Parga e Ibrahima Djamban aos mandos do control técnico



18/01/24

MODELO BURELA ABRE NOVA ETAPA BAIXO A COORDENACIÓN DE VANESSA VILA-VERDE


Coa entrada en 2024, a intervención educativa Modelo Burela iniciou unha nova etapa, que estará coordenada pola profesora Vanessa Vila-Verde, quen se incorporou ao grupo de traballo en setembro de 2022.
Licenciada en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago (USC), Vanessa Vila-Verde Lamas (Pontevedra, 1979) comezou a súa vida laboral no ámbito empresarial dos servizos informáticos. Desde 2007 traballou como tradutora e localizadora de software en Imaxin Software.
En 2015, o ano de entrada na profesión docente, comezou a leccionar nas Escolas Oficiais de Idiomas de Compostela, Montijo (Extremadura), Pontevedra e Lugo. Posteriormente, pasou a ser profesora de Ensino Secundario con destino na EPAPU de Albeiros (Lugo) e no IES Cacheiras en Teo.
Desde o inicio do curso 2022-2023 está no IES Perdouro de Burela, onde se ocupa da docencia da materia de Lingua Portuguesa no Bacharelato, no Programa de Cualificación Lingüística (CUALE) para a preparación dos niveis B1 e B2 e na Atención á Diversidade.
Entre o ano 2009 e 2014 fixo parte de Filmes de Bonaval, un colectivo audiovisual que produciu e realizou diversas filmaxes sobre o noso património lingüístico, nomeadamente en zonas de fronteira. Unha parte destes traballos de campo están recollidas en tres documentarios: Entre Línguas (2010), Em companhia da morte (2012) e A fronteira será escrita (2014).

A nova coordenadora do programa con Sara Villarquide e Carme Gallo durante a 12ª etapa, no curso 2022-2023.

17/01/24

Proxecto Neo, 405.13: Marta P. Freire (Bico de Grao); Catalina Caamaño (C. de Saúde-Burela); Javier Saco (Escolapios)


O grupo de traballo que realizou o programa 405 foi visitado pola directora, María José Pardiñas.
Por indicación do Instituto Muralla Romana da cidade de Lugo, entramos en comunicación coa cooperativa Bico de Grao, situada na Ronda das Fontiñas. Marta Pérez Freire atendeu a nosa chamada e explicounos en panorámica as actividades de carácter comercial e socio-educativas que realizan. Puxo especial énfase na importancia do uso do idioma galego nas expresións oral e escrita, na atención presencial e na comunicación a través das redes sociais. Por iso a consideramos un modelo de boas prácticas dentro da iniciativa AQUÍ TAMÉN SE FALA.
A farmacéutica Catalina Caamaño, do Centro de Saúde de Burela, visitounos no estudio para explicarnos as razóns que levaron o Concello de Burela a participar activamente no Plan Estratéxico de Saúde Nacional e convidounos a asistir ao acto de presentación a celebrar o día 19 de xaneiro no Auditorio Municipal.
No terceiro dos contidos, subimos un novo nivel. Nicolás Amorín conversou co profesor Javier Saco, docente no Centro de Ensino dos Padres Escolapios de Monforte. Nós felicitámolo por estar entre os dez finalistas do Premio Educa e el presentounos o seu caderno de bitácora www.elrincondeleonardo.com









10/01/24

Proxecto Neo, 404.13: Estela Rial Suárez (IES da Illa de Arousa); Vanessa Vila-Verde; Bernardo Penabade




Na xornada do día 10 de xaneiro de 2024 chegou o programa de número capicúa: 404. Para celebrar data tan sinalada queríamos unha entrevista especial e o profesor Emilio Cambeiro, do IES Illa de Arousa, facilitounos esa oportunidade. A través del tivemos coñecemento do potencial de Estela Rial Suárez, con quen entramos en comunicación e de quen recibimos todas as facilidades para a colaboración con Proxecto Neo.
Unha profesora de Lingua e Literatura facendo unha entrevista a unha estudante de 4º de ESO. A distancia era só física, 300 km; o resto era a sintonía plena dos latidos do orgullo de ser.
Con esta forza e esta ilusión comezamos este novo ano, en que estreamos nova coordenación e recibimos a axuda de Ian García Vallecillo, Patrick Djeição Gomes Correia e Yúri de Jesus Monteiro Gomes.
Benvida, profesora Vanessa Vila-Verde!

Primeiro programa coordenado pola profesora Vanessa Vila-Verde