Seccións

28/09/22

Proxecto Neo, 359.12: Xoán Moreda Pinto; Vanesa Vila-Verde Lamas

 


A segunda promoción do CUALE -para a obtención do título internacional B1- xa está en camiño. No acto de inauguración participou Xoán Moreda Pinto, profesor de Filosofía, que o curso pasado realizou estudos de Lingua Portuguesa na Escola Oficial de Idiomas de Lugo.

Foi precisamente o profesor Moreda Pinto o protagonista da nosa primeira entrevista. Con el falamos de trinta anos de docencia no ensino público e mesmo do sector da hotelaría, antes de nos centrarmos na súa volta aos estudos regrados como alumno (na EOI).
A segunda entrevista estivo dedicada á incorporación da profesora Vanesa Vila-Verde Lamas ao IES Perdouro e á iniciativa educativa Modelo Burela.



22/09/22

Proxecto Neo, 358.12: Mónica Alonso



Abrimos o programa coa intervención do profesor Fernando Losada, autor dunha peza sonora sobre erros ortográficos comúns en letreiros urbanos protagonizada por estudantes de 3º de ESO (PMAR), coa orientación de Sonia Rey, a súa profesora do Ámbito Lingüístico e Social. A seguir, o noso contertulio presentounos nova colaboración para o curso 22-23: un espazo de animación á lectura.

O contido central do programa estivo dedicado Mónica Alonso. Esta profesora de Educación Física no IES Perdouro evocou para nós a etapa en que combinou os estudos no INEF en Bastiagueiro coa colaboración en CUAC FM (tanto na asociación comunitaria como na realización de programas radiofónicos). Con ela tamén falamos dos seus traballos na cadea 40 Principales e en RadioVoz. Finalmente, gardamos uns minutos para falar sobre o ensino da Educación Física nos centros escolares.
O grupo de participantes no patio da Casa da Xuventude pouco despois de finalizar o programa e antes de participar na sesión de caricias aos cabalos do prado contiguo. A foto é de Lucía Rivas.



14/09/22

Proxecto Neo, 357.12: Programa especial dedicado a Bernardo Penabade

 


No comezo do curso académico 2022-23 chegamos ás 357 semanas en antena. Nuria Ramos e Cristian Gómez redactaron e ocupáronse da realización dun programa monográfico ao profesor Bernardo Penabade. Entre outras persoas, interviron Manolo Maseda, Sechu Sende, Maribel Crecente, Aitor López Anello, Xián Liñares, Maca Ledo, Simón R. Rouco, Helena Valle, Senín Díaz, etc.