Seccións

24/12/21

Especial Antía Yáñez


Programa especial Modelo Burela dedicado á obra literaria da escritora Antía Yáñez (Burela, 1991). Conducido por Karina Parga e Cristian Gómez Mesa, este documento didáctico contén colaboracións de Francisco Castro (Editorial Galaxia), Carme Cociña (IES Monte Castelo -Burela), Xulia Rodríguez (IES Urbano Lugrís-Coruña) e diversas representacións do público lector.
Como complemento, inclúe catro temas musicais directamente relacionados co contido dos libros O Misterio de Portomarín (Galaxia, 2016) e Senlleiras (Galaxia, 2018).

OUTRAS INTERVENCIÓNS DA ESCRITORA EN PROXECTO NEO



3) Programa 334, da undécima etapa (16/12/2021):  O misterio na voz de Aleixo F. Maseda.

 

16/12/21

Proxecto Neo, 334.11: Serxio G. Couto (Dambara); Aleixo F. Maseda; Lois Pérez; María Barcala


Como tantas outras veces, abrimos as portas cunha mensaxe que nos chegou desde o Colexio dos Castros grazas ás xestións de Pili Vázquez Varela, esa profesora que colabora con nós ano tras ano. Canta felicidade nos transmitiron!

Xusto despois da música de Guadi -as Costuras-, promocionamos a vertebración social dando a coñecer un novo traballo do alumnado de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente. En catro minutos fixéronnos partícipes do segundo reto desta Generación Eco que estuda teoricamente e practica co exemplo a sustentabilidade. Lembráronnos que a preservación medio-ambiental está en avaliación continua e que, nada mellor, que preparar colectivamente as probas que diariamente se nos presentan.

Con toda esta forza acumulada, Serxio Gómez Couto presentounos o programa de actividades musicais da Asociación Dambara, a celebrar entre os días 18 de decembro de 2021 e 4 de xaneiro de 2022.

Neste mesmo programa, comezou a andadura radiofónica Aleixo F. Maseda, que nos interpretou un fragmento do Misterio do Torque de Burela, obra narrativa de Antía Yáñez.
Lois Pérez, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AEELG), fíxonos a presentación dunha Polafía dedicada a Batuko Tabanka (Mestras da Memoria), un acto a celebrar no Auditorio de Burela ás 7 da tarde do día 17 de decembro.
Na parte final do programa, a interlocutora foi a actriz María Barcala, que nos explicou o seu espectáculo titulado Libre coma os paxaros, un voo pola vida e a produción poética de Rosalía de Castro.

02/12/21

Proxecto Neo, 333.11: Odilo González (Asoc. José Afonso); Quique Roxíos (Asoc. Axuntar); Nemesio Barxa

 



Odilo González presentounos a Assoc. José Afonso (AJA) e o seu programa de actividades recentemente celebrado nas cidades de Vigo, Vilagarcía, Ferrol, Coruña e Santiago.
Con Quique Roxíos comentamos a audición dunha entrevista feita pola Cadena Ser-Occidente de Asturias a Natalia Jardón, lingüista, que falaba en representación da Asociación Axuntar.
Na terceira parte do programa conversamos co avogado Nemesio Barxa, con 60 anos de exercicio na súa profesión. O tema de conversa foi a doazón da súa biblioteca aos veciños e veciñas de Viana do Bolo, a localidade en que naceu este prestixioso intelectual.

24/11/21

Proxecto Neo, 332.11: Tempos Novos; Serxio Gómez Couto (Asoc. Dambara); Begoña Martín Acero (Asoc. Axuntar)



Comezamos o programa 332 coa presentación dos contidos da revista Tempos Novos (a nova lei do audiovisual; a tarifa eléctrica...). Foi unha colaboración do profesor Francisco M. Hidalgo.Inmediatamente despois, tivemos unha nova presentación. Neste caso, coñecemos por dentro a Asociación Musical Dambara, a través das palabras dun dos seus integrantes: Serxio Gómez Couto.
A terceira das entrevistas tivo como protagonista a escritora Begoña Martín Acero, que nos falou da Asociación Axuntar, de recente creación, destinada á defensa do galego de Asturias.

10/11/21

Proxecto Neo, 331.11: Brais Vila (IADOVI C. T.); ÍKER TRILLO (CB Burela); Adela Figueroa (escritora)


Brais Vila presentounos o programa de actividades do Clube de Tiro Iadovi, con sede en Cangas de Foz.
Íker Trillo Souto falou-nos da súa participación no Clube Baloncesto Burela. A súa traxectoria deportiva levouno a ser chamado a participar no Breogán C.B. e nas seleccións galega e española desta modalidade deportiva.
A escritora Adela Figueroa presentounos a súa nova obra: AS Mulleres da casa da Bouça (Ed. Laiovento)

05/11/21

Proxecto Neo, 330.11: Teresa Quelle Vidal; Cristina Llinares; Lorena Pita

 


No Consello da Cultura Galega debátense os diferentes modelos de escola e enfatízase a importancia do ensino para a etapa comprendida entre os primeiros meses de vida e os seis anos. Proxecto Neo quixo contribuír a ese encontro con diferentes conversas: a primeira delas con Teresa Quelle Vidal, da Escola Infantil Guiñol, o modelo que nós defendemos. Ese modelo de escola que puxeran en práctica Antía Cal en Vigo e Carvalho Calero en Lugo; substancialmente, o mesmo que fai agora expansivo a Semente en varias cidades.

25/10/21

Proxecto Neo, 329.11: Cristian Gómez Mesa e Raquel Lopes Ramos




    Cristian Gómez Mesa estreouse en Proxecto Neo con 13 anos cando cursaba 2º de ESO. Despois de catro anos colaborando na locución e na produción, agora está aos mandos da realización técnica. Neste programa conversamos con el.

    Raquel Lopes Ramos é afrogalega. Chegou á nosa terra sendo unha nena de curta idade, retornou ao Atlántico africano, pasou alí uns anos e voltou de novo para Burela. Agora estuda o bacharelato. Con ela falamos dunha viaxe moi especial.

24/10/21

Proxecto Neo 328.11: Roberto Soto Santiago (IES PERDOURO)

 



Nacido na cidade de Ferrol, Roberto Soto Santiago estudou Enxeñaría Industrial nas ramas de Electrónica e Automatismos. A súa experiencia laboral, que comezou moito antes de alcanzar a licenciatura universitaria, pasou por ser autónomo no ramo da electricidade e a pintura industriais; na seguridade privada e na amplificación de concertos. Só despois entrou na docencia no nivel do Ensino Secundario.
Outra das facetas do noso convidado é a de músico, tamén a nivel profesional.

06/10/21

Proxecto Neo 327.11: Fernando Losada; Raquel G. Hermida; Aida Colmenero



Iniciamos a décimo primeira etapa cunha entrevista ao profesor Fernando Losada, docente de Bioloxía e comunicador radiofónico.
Raquel González Hermida presentounos o programa de actividades do Observatorio da Mariña pola Igualdade e convidounos a participar na xornada de dinamización artística "Ella Poema", dirixida por Aida Colmenero.
A propia Aida Colmenero concedeunos unha entrevista e nela conversamos sobre a formación artística que recibiu na Escola das Areas, no Senegal; do desenvolvemento profesional neste país; e tamén da experiencia de percorrer trece países do continente, o que lle serviu de inspiración para unha creación audiovisual que agora presenta en diversos lugares do mundo.

23/06/21

Proxecto Neo 326.10: F. Redondo (Fund. Neira Vilas); Manuel Núñez (Ed.Fervenza); Alejandro Piñeiro; Lois Alcayde Dans; Pepe Peinó

 


Neste programa final da décima etapa, tributamos unha homenaxe radiofónica a Balbino, o de Gres, con motivo da súa xubilación.
Abrimos a emisión en comunicación precisamente con Gres, desde onde nos atendeu o profesor Fernando Redondo, Presidente da Fundación Neira Vilas.
Inmediatamente despois, o protagonista da conversa foi Manuel Núñez, director da Editorial Fervenza, entidade organizadora do Certame Balbino de relatos e editora das obras gañadoras de cada convocatoria.
Tamén en relación co Certame Balbino de relatos, na terceira das entrevistas conversamos con Lois Alcayde Dans, gañador da primeira convocatoria -a de 2016-, coa súa obra “Camiños na sombra”.
Puxémoslle o ramo a esta etapa cunha conversa con Pepe Peinó, o autor de Bica de Montouto, a obra gañadora da máis recente edición do mesmo certame.

16/06/21

Proxecto Neo, 325.10: Juliet Ocampo; Ximena Piñeiro; Silvia Basanta; Beatriz Dourado




Desde a Terra Chá recibiunos Juliet OCAMPO, que nos falou do inicio da súa carreira literaria.
Inmediatamente despois de estarmos con Juliet Ocampo, falamos coa súa profesora Ximena Piñeiro Torres, do Instituto Trapero Pardo, de Castro de Ribeiras de Lea.
A terceira das entrevistas foi protagonizada por Silvia Basanta, filóloga das Terras de Meira e coordinadora das Sendas de letras, palabras e libros, unha actividade promovida pola Institución Libre de Enseñanza.
Na parte final do programa estivemos con Beatriz Dourado, que acaba de gañar o premio Avelino Diaz de poesía.

09/06/21

Proxecto Neo 324.10: Helena de Alfonso e J L. Lara (BARAHÚNDA); David Cortizo (Ed. CUARTO DE INVERNO); Teresa Bustamante (Asoc. de Migrantes- AMIGA)



Neste programa viaxamos a Rianxo para falarmos con Helena de Alfonso e José Luís Lara, músicos de Barahúnda, a formación que prepara un terceiro disco de música galega.
Despois de estarmos no norte da Ría da Arousa, coñecemos unha nova empresa editora: Cuarto de Inverno, que ten en catálogo obras de Teresa Moure, de Antḯa Yáñez, de Lorena Conde ou de Arantxa Nogueira.
Na terceira das entrevistas coñecemos unha AMIGA. Esa amiga é: A Asociación Migrantes Galicia, presidida por Dona María Teresa Bustamante.

Capa do cuarto disco de Barahúnda, o segundo da etapa 
da música galega

Catálogo inicial da nova editora Cuarto de Inverno




02/06/21

Proxecto Neo, 323.10: Ángel Mato Escalona (alcalde de Ferrol); Xoel Geada (xeógrafo e músico); Aurora Marco (escritora)





Con Ángel Mato Escalona (alcalde de Ferrol) falamos sobre o Concerto das Letras Galego-Portuguesas celebrado en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.
Neste mesmo programa, felicitamos o xeógrafo Xoel Geada, que acaba de recibir o premio á Calidade dos Traballos de Fin de Grao na USC por “O concepto de DECRECEMENTO aplicado a dúas iniciativas innovadoras na Mariña".
Nos minutos finais, a profesora Aurora Marco falounos tamén sobre premios; neste caso os dous últimos que recibiu: o da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza e o Follas Novas do Libro Galego.

26/05/21

Proxecto Neo, 322.10: Montse G. Álvarez "MAGADÁN" (ASOC. CALDALOBA); Samuel Soto Macía; Xoán R. Fernández Pacios



Montse González Álvarez ("Magadán") falounos demoradamente do programa de actividades da Asociación Caldaloba.
Inmediatamente despois, conversamos co músico Samuel Soto Macía e escoitamos a peza musical que lle dedicou a Xela Arias, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
Nos minutos finais transmitimos os parabéns ao historiador Xoán Ramón Fernández Pacios, eleito por unanimidade novo Cronista Oficial de Foz.

19/05/21

Proxecto Neo 321.10: Iago de Vicente (Asoc. Saíñas-Xove); Diego Campo (Asoc. Fanto Fantini- Osa do Mar); Mar Fraga Rábade (Asoc. Caldaloba)

 



Iago de Vicente Docobo é estudante no Instituto Illa de Sarón de Xove. Con só 13 anos subiu ao escenario para acompañar na interpretación dunha peza musical a Susana Seivane. Foi no Auditorio de Burela. Nós quixemos saber como se sentiu nese momento. Conseguímolo.
Con Diego Campo falamos da Asociación Fanto Fantini e do Festival Osa do Mar. Non fomos capaces de saber exactamente cales serán os grupos que teremos ao vivo nos próximos 24 e 25 de setembro, mais coñecemos a súa valoración sobre os concertos de Antía Muíño e Grande Amore.
Na última das entrevistas, falamos con Ana Mar Fraga Rábade, a quen felicitamos polo seu premio obtivo en materia de estudo e preservación do patrimonio material prehistórico. Despois escoitámola recitar. Foi o broche final para este programa.

12/05/21

Proxecto Neo 320.10: PATXI G. NOVO; LUCÍA CANOURA (Lugar das Marías); DIEGO CAMPO (Osa do Mar); ERIK DOBAÑO (Orgullo G)



O enxeñeiro galego Patxi G. Novo foi facer o doutoramento a unha universidade xaponesa. O que ía ser un período de tres anos pasou a ser, por agora, de nove. Nesta entrevista sabemos que o que fai en Fukuoka e como é a súa vida en Nagasaki.
Finalizada a entrevista co enxeñeiro especializado en enerxías renovábeis, entramos en conversa con Lucía Canoura, do Lugar das Marías, en Xove. Así foi como coñecemos este paraíso da madeira, a pedra, a cerámica, as artes e incluso a botánica.
Na parte final do programa, primeiro falamos con Diego Campo (da área de comunicación do Festival Osa do Mar) e despois con Erik Dobaño Salgado (xornalista de Orgullo Galego).

O xornalista Erik Dobaño coa equipa de Proxecto Neo.


05/05/21

Proxecto Neo 319.10: María Rey (IES Xulián Magariños); Xosé Ramón L. Boullón (ensaísta); Alexandra Briere (lectora de lingua inglesa)



A profesora María Rey, do Instituto Xulián Magariños, de Negreira, foi unha das tradutoras dos Vinte poemas de amor, de Pablo Neruda. A obra, feita en colaboración con Amancio Liñares Giraut, foi publicada recentemente por editora coruñesa Medulia. Serxio Alonso falou con ela.

Pola súa parte, Nuria Ramos Cuba conversou con Xosé Ramón López Boullón, o autor de A Compostela de Scórpio. A Compostela de Ricardo Carvalho Calero, unha obra editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na terceira das entrevistas, Noé Fernández Quelle levounos de novo a Santiago de Compostela, desta vez para conversar con Alexandra Briere, lectora de lingua inglesa no Instituto Campo de San Alberte, de Noia.

29/04/21

Proxecto Neo 318.10: Iván Laxe (músico); Diana Varela (editora); Amancio Liñares (escritor)

 



O grandísimo suceso de Cuñados serviunos de estímulo para saldar unha débeda que tíñamos con Santi Jul (a quen tivemos en antena na semana pasada) e con Iván Laxe (un dos protagonistas desta entrega do noso programa).
Despois de falarmos con Iván Laxe sobre os máis diversos tipos de música, centrámonos no proceso de composición de bandas sonoras para as producións audiovisuais.
Despois de Iván Laxe, chegou Diana Varela, que nos falou en representación da editora Medulia, que dinamiza a cultura galega desde A Coruña.
Un dos últimos lanzamentos de Medulia é a tradución galega dos Vinte poemas de amor, de Pablo Neruda, un traballo feito por Amancio Liñares e María Rei. Amancio Liñares foi o protagonista da nosa última entrevista desta entrega de Proxecto Neo.

21/04/21

Proxecto Neo 317.10: Especial Colexio Inmaculada-Maristas (LUGO)



Comezamos este programa especial dedicado ao Colexio Inmaculada - Maristas de Lugo en conversa con Carla Piñeiro Castro e Xela Pardo Neira, alumnas do 5º curso de Ensino Primario.
Nos seguintes minutos, o protagonismo centrouse noutras dúas estudantes de Ensino Secundario: primeiro en Inés Menéndez Miranda (do 2º curso ) e despois en Helena Álvarez Rivas, de 14 anos, estudante de 3º.
Na parte final do programa conversamos co profesor Manuel Barreiro.


15/04/21

Proxecto Neo 316.10: ESPECIAL CUÑADOS: SANTI JUL (Banda Sonora); ANTÍA TOURIÑÁN (actriz); MARÍA YÁÑEZ (Comunicación)



Santi Jul entrou de cheo no audiovisual a través do traballo nos equipos de son e, posteriormente, da composición de bandas sonoras. Proxecto Neo conversou con el sobre a súa traxectoria e sobre a súa participación en Cuñados.
Da participación nesta película de Portocabo, dirixida por Toño López, tamén nos falou Antía Touriñán. Sentímonos felices de ter conseguido unha das primeiras entrevistas con esta actriz de só dez anos, de conversa brillante.
Nos últimos minutos tivemos a colaboración de María Yáñez, unha das responsábeis do grande éxito divulgativo da película.



07/04/21

Proxecto Neo 315.10: José Manuel Vicente; Javier Alonso (Dir. Banda do Rosal; Comunidade Educativa Suárez Marquier; Ánxela F. Callís (Alcaldesa)



Este é un programa especial realizado en colaboración entre as radios educativas do Instituto Perdouro de Burela e o Colexio Suárez Marquier do Rosal. Fixo de guía da viaxe José Manuel Vicente, estreitamente vinculado ao centro educativo e á banda de música (é o chofer do autobús da liña regular para a escola, o mesmo que utiliza a banda nos deslocamentos). 
Inmediatamente despois, conversamos con Javier Alonso, director musical da Banda do Rosal; con Nieves Álvarez, traballadora do centro educativo; Andrés Diego, María Pérez, Noa González, Rubén Guerreiro e Amanda Rei, en representación do alumnado de 4º de ESO; e con Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal.

24/03/21

Proxecto Neo 314.10: NAOMI REY; ÁLEX QUINTÁNS (IES Agra de Raíces); Julia Lamela

 
Co "Vento nas velas" comezamos a navegación en dirección a Cambados. Alí atendeunos Naomi Rey, a autora da canción que lle serviu de sintonía á recente edición dos 21 Días co Galego e+.
Despois dunha peza musical de Xoana Veiga, Proxecto Neo retornou para o norte e fixo parada en Cee. A primera parada fixémola na casa de Álex Quintáns, alumno de 1º de ESO no Instituto Agra de Raíces.
Na mesma localidade de Cee fixemos unha segunda parada, desta vez con Xulia Lamela, que colaborou con nós para facermos un singular comentario de texto a través das ondas.

Vista do nicho en que repousan as cinzas de Lucía Miguéns Coiradas
no cemiterio de Cee. En primeiro plano está o poema comentado. 


Poema de Xosé Iglesias (Cee, 1974) dedicado á súa tía Lucía Miguéns Coiradas, unha comercializadora de peixe moi coñecida en toda a Costa da Morte.




17/03/21

Proxecto Neo 313.10: ALBA MONTEAGUDO

 

O primeiro ciclo dos 21 días co galego comezou o pasado 22 de febreiro e finalizou o pasado 15 de marzo. Xusto nese momento botou andar a segunda fase: "E +". Nela entramos e celebrámolo ao grande cunha conversa demorada coa profesora Alba Monteagudo Gómez.

"Este é o meu mellor momento na relación coa lingua galega. Nacín nunha familia falante de castelán e toda a miña infancia e adolescencia falei en castelán. Na universidade xa comecei a falar algo en galego e agora desde que son docente fáloo máis. Sobre todo en Burela, porque en Burela maioritariamente a xente exprésase en galego. Opto pola biodiversidade".

10/03/21

Proxecto Neo 312.10: A obra de Lino Novás Calvo en Radio Fene; Martín Fernández Vizoso

 

A referencia á obra de Lino Novás Calvo -concretamente a un relato centrado na pandemia de 1918- e a música de Roi Casal sobre letras de Neira Vilas serviron como aperitivo ao prato forte da xornada: a entrevista a Martín Fernández Vizoso. Noé F. Quelle encargouse de conducir a conversa que nos levou á infancia en Cangas, á etapa do bacharelato e á formación en Filosofía en Letras e Ciencias da Comunicación nas universidades de Santiago de Compostela e Madrid.

A maior parte do tempo estivo dedicada ao contido da obra de investigación que leva por título Memoria de mariñáns.

Martín Fernández Vizoso, en calidade de responsábel de comunicación da Deputación de Pontevedra, participou no acto de entrega do premio Lois Peña Novo á intervención educativa Modelo Burela. Na imaxe aparece con Antonina Semedo (Antonina de Cangas), Xosé Luís Méndez Ferrín e Alfredo Llano (alcalde de Burela). A fotografía é cortesía do entrevistado.


03/03/21

Proxecto Neo 311.10: Natalia Irimia (IES Perdouro); Andrea Ferrer (IES de Poio)



Chegamos ao ecuador da celebración dos 21 Días co Galego e Máis e nós dedicámoslle un programa monográfico. Abrimos cunha breve crónica feita por catro alumnas de 2º de ESO e despois centramos o foco de atención en Natalia Irimia e Andrea Ferrer.

Natalia Irimia é a coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro. Con ela fixemos unha primeira aproximación ao desenvolvemento deste proxecto educativo.

Andrea Ferrer é a madriña da nosa participación neste programa dinamizador. Conversamos con ela sobre a súa experiencia durante o curso pasado.

25/02/21

Proxecto Neo: 310.10: Pilar Salas (Profesora PROA PLUS); Alberto Pombo (IES Agra de Raíces)

 

Neste programa especial dedicado a Rosalía de Castro, contamos co recitado de varios poemas nas voces de alumnos de 6º curso do Colexio Virxe do Carme.
Inmediatamente despois, conversamos no estudio con Pilar SALAS, profesora intercultural, recentemente incorporada ao Instituto Perdouro.
Na segunda parte, o noso convidado é o profesor Alberto Pombo, con quen celebramos o comezo dos 21 Días co galego... e máis!
Alberto Pombo é músico, do grupo de metal "Avante" e fotógrafo artístico. Foi director da galería SalaSal e codirector do festival internacional  de fotografía Visións, da Cidade da Coruña. Neste programa está con nós en calidade de educador.

17/02/21

Proxecto Neo 309.10: Andrea Mosteiro Sanxiao (A ESTRADA EN GALEGO); Abdul Djaló



Andrea Mosteiro Sanxiao, estudante do Instituto Lousada Diéguez da Estrada, falounos da iniciativa A Estrada en Galego, que combina a creación cultural coa dinamización económica do comercio local.

Na segunda parte do programa, recollemos unha colaboración que nos enviou Christian da Silva Salles desde o Rio de Janeiro. É unha extraordinaria entrevista ao informático guineense Chris Adul Djalo.

Itinerario que une as parroquias de Cercio (no concello de Lalín) e Matalobos (no concello da Estrada), os lugares vitais da nosa entrevistada Andrea Mosteiro Sanxiao

A viaxe internacional do noso programa tivo desta vez como destino o longo camiño que une Cassamance, no Senegal, e Ngoré e Bissau, na Guiné. O protagonista da conversa foi Cris Adul Djalo, entrevistado por Christian Salles, un dos radiofonistas que impulsan o programa Os Contrabandistas (Rádio Metropolitana Porto)


11/02/21

Proxecto Neo 308.10: Radio Milladoiro; Yorel Ladra; Ádila Pereira; Clásicos Libres; Elvira Amieiro


Chéganos a música de Guadi a través dun programa de radio escolar do Instituto do Milladoiro no que interveñen tres novas locutoras: Sara Rey, Lucía Romar e Alba Sueiro. O seu traballo obtivo o premio da Asociación Sociopedagóxica Galega e nós contribuímos á súa divulgación.
Xunto con Sara, Lucía e Alba, neste programa son tamén protagonistas Yorel Ladra (Premio Xosé Trapero Pardo) e Ádila Pereira (autora dunha fermosa carta de amor, á que nós lle damos o premio da audiencia).
Nesta entrega número 308 recollemos as voces dos Clásicos Libres, o grupo musical con base na Coruña que gañou o premio Musicando Carvalho Calero 2020. Obviamente, tamén escoitamos a peza gañadora do certame.
Completamos a emisión cunha entrevista a Elvira Amieiro, de Vila Nova de Lourenzá, que nos aproximou humanamente á obra pictórica de Xulia Minguillón, ao seu cadro que leva por título A escola de Doloriñas e ao universo educativo da parte central do século XX no rural galego.

03/02/21

Proxecto Neo 307.10: IES Parga Pondal; Loreto de Castro; Irene Romeiro



Abrimos o programa cunha colaboración de Radio Rebolondas, do Instituto Parga Pondal de Carballo. Trátase dun traballo de Xosé Cameán e Lola Collazo sobre as irmás Touza, de Ribadavia, coñecidas por lle ter salvado a vida a centenares de persoas fuxitivas do nazismo.Pola súa parte, a actriz e escritora Loreto de Castro falounos sobre a súa experiencia como neofalante en San Valentín (Fene).
A protagonista da terceira entrevista foi Irene Romeiro, profesora de ensino secundario na cidade de Vigo e unha das impulsoras dos Faladoiros impulsados na cidade olívica como apoio para aquelas persoas que queren iniciar os coñecementos de lingua galega ou que desexan mellorar a fluidez no seu uso.

Participantes no encontro celebrado na cidade de Vigo o pasado 3 de setembro de 2020. Este é considerado o punto de partida dos Faladoiros.

27/01/21

Proxecto Neo, 306.10: Radio Chivite (Verín); Xulio Pardo de Neyra



Xusto antes de que comece o mes de febreiro, abrimos a celebración dos 21 Días en Galego (e+). Facémolo cunha extraordinaria colaboración que nos enviaron desde un dos centros participantes: o IES Taboada Chivite, de Verín.

Na segunda parte desta entrega, falamos con Xulio Pardo de Neyra, escritor e profesor na Universidade da Coruña. O contido da conversa: cinco novos ensaios. Un deles o que leva por título "Os rostros do frío" (Ed. Fervenza).

Capa do novo libro de Xulio Pardo de Neyra, entrevistado en Proxecto Neo


20/01/21

Proxecto Neo 305.10: Manuela Dieste; Marta Salutregui

 

Manuela Dieste, natural de Exipto e licenciada en Filoloxía Clásica, combinou durante varios anos o exercicio da docencia coa dedicación profesional no ámbito da saúde. Con ela falamos dos puntos de confluencia das súas paixóns.
Na segunda parte do programa a protagonista da conversa foi Marta Salutregui, activista social, neofalante de Ferrol.



A SAÍDA DO ARMARIO LINGÜÍSTICO

A ilusión do desconfinamento


-Cando comezache ese proceso?


-Con 23 anos. Eu estaba en Compostela e alí falaba en galego e cando voltaba a Ferrol falaba en castelán. Todo moi metódico: de luns a xoves falaba en galego e de xoves a domingo falaba castelán.


-Cóntanos como foi a evolución.


-Durante o confinamento, por iniciativa un grupo de mulleres de Vigo -as Clandestinas-, facíamos unhas “Pandemias feministas”. Abordábamos temas relacionados co feminismo e empregábamos o galego. Eu sentinme moi cómoda. Cando iso acabou, comezamos a saír á rúa e esquecín o galego outra vez.

Agora pensei que tiña que facer algo [para recuperalo e fortalecelo] e por iso botamos a andar un proxecto participativo. Eu asocio o uso do galego á participación nos movementos sociais e iso é moi importante. Para min ser neofalante é como unha saída do armario; hai que dar explicacións constantemente (salvo en ambientes novos en que non se saiba como falabas antes).

Funme marcando obxectivos a min mesma. Por exemplo: “vou empregar o galego cando me dirixa a xente que non coñeza (no supermercado, na rúa...)”; ou “vou usar o galego nas historias das redes sociais, tipo Instagram”. No caso das redes, tiven dúas fases: primeiro usei o galego nas historias efémeras e despois nas publicacións permanentes. Son pequenos obxectivos.  


13/01/21

Proxecto Neo 304.10: Thayane Gaspar (UERJ); Miguel R. Carnota; Rosana Posada Expósito


A primeira entrevistada de 2021 foi a profesora Thayane Gaspar, da Universidade Estadual do Rio de Janeiro. Com ela falamos de língua, de literatura e de música.
O profesor Miguel Rodríguez Carnota presentounos os contidos da súa tese de doutoramento en que aborda a situación de acoso lingüístico nos centros de ensino secundario da Galiza.
A terceira entrevista estivo protagonizada por Rosana Posada Expósito, coordinadora da Exposición Palabra e Memoria, aberta durante o mes de xaneiro na localidade de Rinlo (Ribadeo)

Rosana Posada Expósito é unha excepcional animadora das equipas de Futsal de Burela. Nesta imaxe de Lucía Rivas está en plena faena nun partido celebrado en Madrid.