Seccións

29/04/21

Proxecto Neo 318.10: Iván Laxe (músico); Diana Varela (editora); Amancio Liñares (escritor)

 



O grandísimo suceso de Cuñados serviunos de estímulo para saldar unha débeda que tíñamos con Santi Jul (a quen tivemos en antena na semana pasada) e con Iván Laxe (un dos protagonistas desta entrega do noso programa).
Despois de falarmos con Iván Laxe sobre os máis diversos tipos de música, centrámonos no proceso de composición de bandas sonoras para as producións audiovisuais.
Despois de Iván Laxe, chegou Diana Varela, que nos falou en representación da editora Medulia, que dinamiza a cultura galega desde A Coruña.
Un dos últimos lanzamentos de Medulia é a tradución galega dos Vinte poemas de amor, de Pablo Neruda, un traballo feito por Amancio Liñares e María Rei. Amancio Liñares foi o protagonista da nosa última entrevista desta entrega de Proxecto Neo.

21/04/21

Proxecto Neo 317.10: Especial Colexio Inmaculada-Maristas (LUGO)



Comezamos este programa especial dedicado ao Colexio Inmaculada - Maristas de Lugo en conversa con Carla Piñeiro Castro e Xela Pardo Neira, alumnas do 5º curso de Ensino Primario.
Nos seguintes minutos, o protagonismo centrouse noutras dúas estudantes de Ensino Secundario: primeiro en Inés Menéndez Miranda (do 2º curso ) e despois en Helena Álvarez Rivas, de 14 anos, estudante de 3º.
Na parte final do programa conversamos co profesor Manuel Barreiro.


15/04/21

Proxecto Neo 316.10: ESPECIAL CUÑADOS: SANTI JUL (Banda Sonora); ANTÍA TOURIÑÁN (actriz); MARÍA YÁÑEZ (Comunicación)



Santi Jul entrou de cheo no audiovisual a través do traballo nos equipos de son e, posteriormente, da composición de bandas sonoras. Proxecto Neo conversou con el sobre a súa traxectoria e sobre a súa participación en Cuñados.
Da participación nesta película de Portocabo, dirixida por Toño López, tamén nos falou Antía Touriñán. Sentímonos felices de ter conseguido unha das primeiras entrevistas con esta actriz de só dez anos, de conversa brillante.
Nos últimos minutos tivemos a colaboración de María Yáñez, unha das responsábeis do grande éxito divulgativo da película.



07/04/21

Proxecto Neo 315.10: José Manuel Vicente; Javier Alonso (Dir. Banda do Rosal; Comunidade Educativa Suárez Marquier; Ánxela F. Callís (Alcaldesa)



Este é un programa especial realizado en colaboración entre as radios educativas do Instituto Perdouro de Burela e o Colexio Suárez Marquier do Rosal. Fixo de guía da viaxe José Manuel Vicente, estreitamente vinculado ao centro educativo e á banda de música (é o chofer do autobús da liña regular para a escola, o mesmo que utiliza a banda nos deslocamentos). 
Inmediatamente despois, conversamos con Javier Alonso, director musical da Banda do Rosal; con Nieves Álvarez, traballadora do centro educativo; Andrés Diego, María Pérez, Noa González, Rubén Guerreiro e Amanda Rei, en representación do alumnado de 4º de ESO; e con Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal.