Seccións

30/12/20

ENSINAMOS A LER A ORTOGRAFIA GALEGA

 PROTAGONISMO NEOFALANTE

PROGRAMA ESPECIAL

RICARDO CARVALHO CALERO

 Quinta-feira, 17 de dezembro

19:00 horas



Recomendamos-che ouvir o programa ao mesmo tempo que vas lendo o guiom. Atende aos momentos em que intervém o Pitufo, nomeadamente ao momento em que -de jeito deliberado- pronuncia mal. Bem dosificada, a paródia tem boa utilidade para o ensino.

O especial alfabetizador começa no minuto 9. 


 OFF: https://www.youtube.com/watch?v=OAw_HYL8wZ4   (de 00:00 a 00:12)

Agora mesmo começa Protagonismo Neofalante!! // Um programa educativo dedicado a Ricardo Carvalho Calero // 

SINTONÍA:https://www.youtube.com/watch?v=OAw_HYL8wZ4 (00:12 a 00:20)

SÉRGIO: Amigas e amigos, esta radio-emissom de Protagonismo Neofalante é o resultado da colaboraçom das comunidades educativas de três institutos de ensino secundário.

NÚRIA: Monte Castelo e Perdouro, de Burela

LUCÍA: E  Isidro Parga Pondal, de Carballo.

SÉRGIO: Num momento repassaremos a biografía do escritor de Ferrol.

NÚRIA: E faremos também animaçom à leitura da sua obra, sempre através das vozes vigorosas da nossa terra.

SÉRGIO: Sen máis dilaçom, começamos!

SINTONÍA (0:20 a 0:25)

SÉRGIO: Com o estímulo desta música de Benja Morana a ritmo de rock, recebam os nossos saúdos.

PITUFO: E o saúdo do pitufo também! 

SÉRGIO: E o do pitufo também, naturalmente!

 RÁFAGA: Radio Educativa. // Especial Carvalho Calero

SÉRGIO: Nos próximos minutos conheceremos o lugar de nascimento e a família de Ricardo Carvalho Calero, o Nosso Neofalante Maior. 

NÚRIA:Veremos onde estudou e fixaremo-nos especialmente em como era na etapa adolescente.

PITUFO: Eu também quero ler algo da sua obra. Podo ler aquelas palavras de paixom de Cleo?

SÉRGIO: Claro que poderás. No seu devido tempo, nom o esqueças! // Antes deixa-nos fazer as apresentaçons. Este programa está feito por:

NÚRIA: Nausica Bernardi e Manuel Rodríguez, do Instituto Monte Castelo de Burela.

SÉRGIO: Lola Collazo Couto, Lucia García Deus e Thaigo da Silva, do Instituto Parga Pondal, de Carballo.

NÚRIA: E a massa coral do Instituto Perdouro, também de Burela.

NÚRIA: Feitas as apresentaçons das vozes que realizamos este programa, recuperamos a música. Adiante com o "Sonho da Catarina", letra de Carvalho Calero e música da Banda da Loba.

MÚSICA1: https://www.youtube.com/watch?v=jxV-J-4llyg (3:30)

SÉRGIO: A cançom intitulaba-se "O sonho da Catarina" e estava interpretada pola Banda da Loba. Na voz Xiana Lastra.

NÚRIA: Ricardo Carballo Calero nasceu na cidade de Ferrol, em 1910. Foi o primogénito de seis irmaos e irmás.

SÉRGIO: Ouvimos como ele mesmo no-lo contaba na entrevista que lhe fizerom Miguel Anxo Fernán Vello e Francisco Pillado. // Thiago da Silva.

THIAGO: Nacín no Ferrol Vello. O Ferrol Vello é o Ferrol máis antigo, un bairro de pescadores, unha vila mariñeira semellante ás da ría, como hoxe pode ser Mugardos (con entre 5.000 e 6.000 habitantes).

SÉRGIO:  Conhecemos agora a família e a etapa infantil, marcada pola orfandade, sendo um neno de só oito anos. 

LUCÍA e LOLA

LUCÍA: Miña mai morreu no 1919, cando eu tiña somente oito anos. Lembro-a como unha muller de carácter moi decidido. Ela foi a que me ensinou a ler precozmente nas páxinas do xornal local.

LOLA: Meu pai era empresário. Tiven cinco irmaos -tres homes e dúas mulleres-. Eu fun o maior.

NÚRIA: Desde a primeira infáncia, o neno estivo em contacto com a pluralidade linguística. 

Assim no-lo conta o protagonista (na voz de Thiago).

LUCÍA: O Ferrol dos meus anos infantis estaba poboado de ingleses que ensinaban aos obreiros e aos enxeñeiros locais a técnica das construcións navais. // Debeu haber un contrato polo que viñeron moitos obreiros especializados e estas persoas permaneceron moito tempo na cidade, de maneira que tiñan a súa capela evanxélica e tiñan a sua propia escola.

SÉRGIO: Aquele neno de Ferrol foi escolarizado num colégio privado, onde cursou o ensino básico e preparou por livre as provas de bacharelato, que realizou na Corunha. 

LOLA: Estudei por libre. Como daquela non había instituto en Ferrol, tiña que trasladar-me á Coruña para facer os exames. A Coruña foi para min unha saída ao mundo.

SÉRGIO: Outra saída ao mundo foi a Santiago de Compostela para estudar primeiro a carreira de Direito e depois a de Filosofia e Letras.

LUCÍA: Rematei o bacharelato na Coruña en xaneiro de 1926 e ingresei na Universidade en Outubro dese mesmo ano. O primeiro curso na Universidade Compostelana foi o 1926-1927. Eu aínda era un rapaz de quince anos.

SÉRGIO: Em relaçom com essa etapa dos quinze anos, escuitamos agora o recitado dumha poesia. É a que melhor reflicte a maduraçom rápida e forçada que tivo aquele rapaz de Ferrol, orfo desde os oito.

Recita Thiago da Silva:


Eu, neno, matei a minha infáncia

com o cuitelo da minha gravidade.


No relógio adiantado da minha vida,

a agulha da minha vontade

assinalava a hora da colheita

quando ainda nom era a hora da sementeira;


assinalava a hora do ruivo amor

quando era a hora do branco jogar:


e ateigado cedo da ciência da dor,

o meu rouxinol

pujo-se a cantar

ainda antes de aprender a voar.

Quando era a hora do viver,

foi para mim a hora do cuidar.

PITUFO: Ai, que triste o que diz!... e que bonito o recitado que nos fijo Thiago.

Eu quero ensinar a ler a obra de Carvalho com jeito!

SÉRGIO: Pitufinho, es um entremetido e um pouco pressunçoso!

PITUFO: Por que som entremetido?

SÉRGIO: Porque abres a boca quando nom che corresponde.

PITUFO: E por que som pressunçoso?

SÉRGIO: Porque dizes que queres ensinar a ler a obra de Carvalho. Estás-nos chamando...

PITUFO: Nom, nom e nom! Nom vos estou chamando nem burros nem burras! Há muita gente que nom está preparada para ler com jeito.

SÉRGIO: Pitufinho, relaxa-te um pouco! Escuita esta música, anda!

MÚSICA 2a: https://www.youtube.com/watch?v=kEkLqa6SoMQ (Só os primeiros 15 segundos)

SÉRGIO: Que che parece esta música, Pitufinho?

PITUFO: Está bem! Deixa que a escuitemos inteira.

SÉRGIO: Escuitaremo-la dentro dum momento. Agora que estás tranquilo, é o teu momento para que nos ensines a ler. Queres?

PITUFO: Claro que quero!

SÉRGIO: Que nos var ler?

PITUFO: Vou ler un fragmento do primeiro capítulo do Scórpio. O retrato do neno que acaba de nascer.

SÉRGIO: Adiante!

PITUFO: Diz assim:

Agora, a mai e o neno jazem na humilde cama. A criança é formosa, de bom peso, com umha abudante penugem loira na cabeça. Aperta os punhos e os olhos quando está dormido.

TODOS: RISOS

SÉRGIO: Por favor, Pitufinho, e dizias que nos ías ensinar a ler?!

PITUFO: Claro! Eu conseguim o que queria! Conseguim chamar a atençom para deixar claro o que NOM se pode fazer. 

Há alunos e alunas -e professoras e professores também- que nom sabem como se lê este texto.

Escuita agora, já verás!

SÉRGIO: A ver que fazes!

PITUFO: Agora, a mai e o neno jazem na humilde cama. A criança é formosa, de bom peso, com umha abudante penugem loira na cabeça. Aperta os punhos e os olhos quando está dormido.

TODOS: Aplausos!

NÚRIA: Agora sim que está mui bem lido! Merece que lhe dediquemos a música inteirinha.

LOLA: Com todas e todos nós, Ukestra do Médio. O tema que interpretam intitula-se "Tanto se amavam".

MÚSICA 2b: https://www.youtube.com/watch?v=kEkLqa6SoMQ 


23/12/20

Proxecto Neo 303.10: PROGRAMA ESPECIAL (IES Monte Castelo e Perdouro, de Burela; e Isidro Parga Pondal, de Carballo)

 


Programa especial realizado en colaboración de tres comunidades educativas: a do Instituto Monte Castelo, de Burela; e a do Isidro Parga Pondal, de Carballo.
Da produción ocupáronse as profesoras María do Carmo Cociña e Lorena Suárez.
Non perdan a actuación do Pitufo, auténtico especialista na obra do escritor homenaxeado.


Imaxe da equipa do programa á espera da chegada do Apalpador, que nos fixo unha chamada de atención polas mostras de consumismo convencional que levábamos nas cabezas. Posteriormente, convidámolo a un chocolate quentiño e acabou marchando cun sorriso de pillabán, moi especialmente desde que soubo que Cristian Gómez lle daba hospedaxe ao Pitufo (que non quixo aparecer na foto).


16/12/20

Proxecto Neo 302.10: María Bouso (Rebinxe); Ângelo M. Monteiro (Rádio Metropolitana Porto); Xiana do Teixeiro (cineasta)



María Bouso, estudante de Ciencias Medioambientais no campus de Ourense (Univ. de Vigo) presentounos o Proxecto Rebinxe de intervención en favor da preservación das diferentes especies.Ângelo M. Monteiro apresentounos a Rádio Metropolitana Porto, que desde hai varias semanas transmite o programa Os Contrabandistas, de Nilce Costa e Christian Salles.
Despide o programa a cineasta Xiana do Teixeiro, directora de "Todas as mulleres que eu coñezo". Falounos de diversas sesións didácticas dirixidas ao alumnado de Ensino Secundario co obxectivo de facer prevención para evitar a violencia de xénero.

Integrantes do Proxecto Rebinxe no momento de distribuíren as casiñas para as aves.

COORDENADORES

Óscar Chao Penabad
María Penalta Rodríguez

ALUMNOS

María Bouso Posada
Lidia Barreira González
Pablo Díaz Otero
Diego Barja Díaz
Belén Ramos Campos
Xiana Rego Fernández
Ana Rubal Sánchez
Pablo Fernández Fernández
Joel Moirón Trigo
Xaquín Sánchez Villalba

09/12/20

Proxecto Neo 301.10: Rubén Riós; Marco Pereira; Beatriz Penedos


Rubén Riós produce e dirixe unha nova serie de programas audiovisuais que levan por título Camiñantes do noso. En Proxecto Neo quixemos saber en que consisten. Conseguímolo sobradamente.
Despois da conversa con Rubén Riós, o protagonismo pasou para Marco Pereira Oliveira, o director do Grandes Vozes, con motivo de que o programa alcanzase as primeiras duascentas semanas en antena.
Continuando co Grandes Vozes, na última parte do noso programa falamos cunha nova colaboradora do programa musical de Rádio Burela. Referimo-nos a Beatriz Penedos, estudante do Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa.

02/12/20

Proxecto Neo, 300.10: Alejandra Abuín (IES Perdouro); Gabriela Prego (USC)


Celebramos alcanzar o programa 300, que debería ter chegado no curso pasado (se non viñese o virus para mandar parar). Celebramos tamén que continuamos sumando.Reunímonos para facer fotos, para tomar unhas mandarinas e unhas deliciosas galletas con sabor Doce Lecer; para recoller o mellor regalo que nos podía facer Lucía Rivas; para botar uns risos e gozar da visita de Alba Geada... e tamén para facer o programa (como todos os mércores).
Aprendemos facendo algo práctico e pasámolo moi ben.
Durante a primeira parte do programa, conversamos demoradamente con Alejandra Abuín Sixto, profesora de Economía e dinamizadora social.
Na segunda parte, a protagonista foi Gabriela Prego, profesora de Lingüistica na Universidade de Santiago.

Imaxe conmemorativa da chegada ás trescentas semanas en antena. Xentileza de Lucía Rivas.




25/11/20

Proxecto Neo, 299.10: Fernando Lago Lamas; Luís F. Ansedes; Ana Moreiras



"Galicia, auga, literatura e rap" era o título dun certame de creación artística promovido polo xornal La Voz de Galicia. Este concurso centrou o noso interese na primeira entrevista deste programa. O protagonista foi o profesor do IES Monte Castelo Fernando Lago Lamas, da área de Xeografía e Historia.
O noso colaborador habitual Luís Fernández Ansedes, da Asociación Abrindo Camiño, presentounos as XIII Xornadas do Peregrino a celebrar na cidade de Mondoñedo entre os días 5 e 8 do mes de decembro.
Na terceira parte do programa falamos con Ana Moreiras, autora da novela gráfica que leva por título Madialeva. A través das palabras da súa autora, soubemos que a historia está protagonizada por un conxunto de mulleres maduras todas elas do ámbito rural do interior da nosa terra.



18/11/20

Proxecto Neo, 298.10: Luz Zas (EQUILING); Sanaa Aboufaris Ouahlim; Leonardo Pena (CONC. de AMES)

 

A profesora Luz Zas (da USC) presentounos o proxecto EQUILING, que fomenta o diálogo entre culturas en centros educativos de Galiza, Euskadi e Cataluña. A través desta entrevista, coñecemos a xénese desta intervención educativa que comezou no IES Manuel Murguía de Arteixo.
Desde Vila Boa atendeu a nosa chamada Sanaa Aboufaris Ouahlim, Premio Extraordinario de Ensino Secundario. Con ela falamos da formación que recibiu no CPI do Toural.
O protagonista da última das entrevistas foi Leonardo Pena. O mediador intercultural do Concello de Ames é un dos participantes dos XXII Encontros de Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega.

11/11/20

Proxecto Neo, 297.10: Manuel Lozano; Luís Álvarez Pousa

 


O IES Perdouro de Burela gañou o premio á Solidariedade e os dereitos humanos no marco da VIª edición do Premio Aprendizaxe e Servizo convocada por Edebé, a Rede española aprendizaxe-servizo e o MEFP.
O proxecto “Na casa de papel” foi levado a cabo durante o confinamento do curso pasado polo alumnado de 4º de ESO coa coordinación de media ducia de profesoras e profesores.

Na segunda parte do programa o profesor Luís Álvarez Pousa presentounos o INFORME GALICIA 2020 "para que poidamos coñecer as verdades escondidas detrás dos acontecementos".


04/11/20

Proxecto Neo, 296.10: Alumnado Monte Castelo; Sara Gil; Aurora Marco



O programa 296.10 comeza cunha entrevista a catro alumnos do IES Monte Castelo, de Burela, con motivo dos seus primeiros pasos no audiovisual.Coa xornalista Sara Gil falamos sobre un traballo de investigación sobre a convivencia intercultural en Burela.
A escritora Aurora Marco presentounos dous dos seus libros: Foula e Ronsel; e Irmandiñas.

01/11/20

EU, NIN TRUCO NIN TRATO





Para min hai dous momentos no ano que son sagrados, pola seriedade e importancia do que hai en xogo e pola fonda información que nos dá sobre o que somos como pobo: o Entroido e o Día de Defuntos.
Chega o Día de Defuntos e para moitos é un día triste, para outros é un día de festa e disfraces, para min é o día do orgullo, do orgullo de saber de onde vés e grazas a quen estás aquí. Para min é o día de escenificar e ritualizar a lembranza dos meus defuntos, dos meus antepasados ou, como acertadamente din algúns paisanos sen sabelo, dos meus santospasados. É un día de dignidade persoal. Por suposto que todos os días do ano son bos para lembrar os que xa non están desta beira da vida, pero convertir esa lembranza nun rito de renovación anual é, como sempre digo, un fantástico mecanismo de reforzo e reafirmación da identidade grupal. 

Este é o día no que honro á miña avoa, á miña segunda nai, que tivo a sorte de morrer o ano pasado e poder ser enterrada como o seu deus mandaba. É o día que contemplo, cos ollos dun neno, os libros que me deixou en herdanza meu pai mentres lembro historias de mariños, viaxes e aventuras. É o día que agradezo cunha vela ao meu padriño que sempre estivese aí cando o necesitei; a data na que recordo todo o que me ensinou meu avó o Sr. Pepe sendo un exemplo de honradez, sacrificio e bondade. É ese tempo liminal onde aínda podo ver a cara do meu bisavó mentres lle pelaba as castañas ao Sol da tardiña con apenas cinco anos. É cando recordo ao meu tío avó Guillermo, filósofo adiantado ao seu tempo, dicindo “a min este mundo non me vale”, e que razón tiña. Cando me reafirmo na máxima do meu tío avó Manolo de que o traballo ben feito “é o orgullo dun obreiro”. Cando añoro aquelas festas de Noite Boa todos xuntos na casa da miña tía avoa Maruja, que en paz descanse. É un dos moitos días nos que desexaría tomar unha caña co meu amigo Angel “Papigil” ou botar unha partida ao xadrez co meu tío Pastor. 

Así que para min esta celebración non é un cachondeo comercial e banal para andar por aí, de bar en bar, vestido de zombi, bruxa ou o conde Drácula. Respecto a opción persoal de cada quen a banalizar e valeirar de sentido esta celebración tan importante para entender a alma do pobo galego. Alá cada un, pero a min non me vale. Para min esta data non é un sucedáneo cutre de festa do consumo yanki, american style. Non é, ou non debería ser, un produto comercial máis deste mundo capitalista e consumista. Para min é algo serio, importante, sagrado. Tan sagrado como a miña identidade e o meu acervo cultural como galego. Para min é o momento de acender lampadiñas de aceite para guialos a todos na súa viaxe polo Alén; de tallar calacús como me ensinou a miña avoa e polas na porta, non vai ser que veña algún que non debe vir; tempo de cocer castañas con anis que seica lle son moi saborosas aos que xa non están; de pór flores nas tumbas como xa facían os neandertais. Para min é a data sagrada do ano na que aínda podo ver, como un regueiro de candeas acesas na noite, o fío infinito que me conecta co que son e co que fomos. Así que eu non vou caer no voso truco, nin quero trato ningún. O meu trato é só con eles e elas. Que a terra lles sexa leve.

28/10/20

Proxecto Neo, 295.10: Cándido Paniagua Pousa (escritor); Juan Carlos Alonso (párroco do Santo Cura de Arts-Vigo)



O programa 295, o terceiro da décima etapa, está protagonizado polo escritor Cándido Paniagua Pousa e polo sacerdote Juan Carlos Alonso Gómez.O escritor de Xinzo de Limia chegou a Radio Burela en calidade de coordinador do Equipo de Dinamización do Instituto Monte Castelo e nós aproveitamos para facer un programa de animación á lectura das súas obras narrativas, ambas incluídas no subxénero da "novela negra".
Co párroco do Santo Cura de Arts falamos de linguas feas, de linguas moi feas e tamén de educación e de sentido común.
O escritor Cándido Paniagua Pousa coa equipa de Proxecto Neo, reforzada coa incorporación de Beatriz Botelho e Anxo Díaz.

21/10/20

PROXECTO NEO, 294.10: Beatriz Botelho; Anxo Díaz; Antonio Reigosa

 

Segundo programa da décima etapa. Abrimos novamente en feminino singular con Beatriz Botelho, que fai de ponte entre a comarca da Mariña e o distrito de Viseu. A seguir, conversamos sobre a pesca no Gran Sol con Anxo Díaz, fillo e neto de mariñeiros. Na terceira parte do programa, o convidado foi o escritor Antonio Reigosa, que nos falou sobre o premio Mestras e Mestres da Memoria outorgado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

14/10/20

PROXECTO NEO, 293.10: María X. Fernández Amor "Pepa"; Xulio Xiz Ramil; Faustino Cela


A Masa Coral Modelo Burela no primeiro día de emisión da décima etapa. Ao fondo a Casa da Xuventude, o local en que están os estudios e a emisora de Radio Burela.



Proxecto Neo entra na décima etapa. Sete meses e dous días despois do "encerro", entramos en desconfinamento. Dun 12 de marzo, saltamos a un 14 de outubro e fixémolo con tres conversas: con Pepa Fernández Amor (do Colexio Virxe do Carme, de Burela); con Xulio Xiz Rami, de Galicia Dixital; e con Faustino Cela (neto de Ricardo Carvalho Calero).

12/03/20

Proxecto Neo, 292.9: Henrique Rabuñal; Natalia Irimia; María Alonso




Con Henrique Rabuñal conversamos sobre a Anxo da terra, obra poética de Ricardo Carvalho Calero editada con estudo introdutorio do escritor e profesor de Arteixo.
Natalia Irimia presentounos o programa de actividades do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro.
Nos minutos finais, conversamos con María Alonso (profesora do IES Fernando Esquío de Neda).

04/03/20

Proxecto Neo, 291.9: Paulo F. Mirás; Consuelo Díaz (Col. Fondo-Nois); Alejandro Ramos


Continuamos coas nosas sesións didácticas dedicadas a Ricardo Carvalho Calero. Desta vez, alén da música da angolana Aline Frazão, conversamos con Paulo F. Mirás (biógrafo do autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2020); coa mestra Consuelo Díaz, con quen tamén falamos sobre a celebración do 8 de marzo; e co pedagogo Alejandro Ramos, que nos deu a coñecer os contidos do seu TFM centrado na convivencia intercultural en Burela.

20/02/20

Proxecto Neo, 290.9: Belén Couto; Guillermina Domínguez Touriño; Sandra Rivas


En febreiro de 2020 en Irlanda dúas mulleres ocuparon as portadas dos xornais porque foron as primeiras en ter recoñecemento legal para o seu matrimonio. En Galiza iso mesmo ocorreu quince anos antes. Unha das protagonistas daquela boda entre mulleres estivo con nós no programa. A profesora Guillermina Domínguez Touriño evocounos aquel momento, reflexionou con nós sobre amor e lexislación e presentounos o seu libro Tres mulleres galegas de armas tomar: MAría Balteira, María Castaña e María Soliña.

13/02/20

Proxecto Neo, 289.9: Comunidade educativa do IES de Vilalonga; Naír García Abelleira (IES de TEIS)




A comunidade educativa do IES de Vilalonga colaborou connosco novamente. Desta vez, un grupo de alumnas e alumnos de 4º de ESO estiveron no programa acompañados polas súas profesoras Lidia Fernández Pastoriza e Carme Picallo.
Na segunda parte da emisión conversamos coa profesora Naír García Abelleira, unha das impulsoras da Radio Escolar do IES DE TEIS. Este é un fragmento da nosa conversa:

-Canto alumnado atende?
-Neste curso teño 70 alumnos e alumnas de FpBásica, 2º de ESO e Educación para Persoas Adultas.
-Dese total de alumnado, que porcentaxe pode ter o galego como idioma de comunicación espontánea?
- O cálculo é sinxelo, porque actualmente non temos ningún alumno nin alumna que empregue o galego como lingua habitual. Aínda máis: hai nenos e nenas que teñen verdadeiras dificultades para se expresar en galego dentro da aprendizaxe da propia materia ou noutras tarefas.
 No centro hai algunhas persoas que teñen o galego como lingua habitual -escóitanse na cafetaría ou nos corredores-, mais son persoas matriculadas nos ciclos formativos. Veñen doutros lugares estudar a Vigo e manteñen o seu primeiro idioma.
[Fóra desa excepción], na ESO e no Bacharelato non temos alumnado que use o galego a diario. Estamos no 0%. É unha cifra tremenda, mais así é o panorama”.

05/02/20

Proxecto Neo, 288.9: Ana Vizoso (IES Alonso Ríos -Tomiño); Andrea Ferrer (IES de Poio); Isabel López Mariño



FRAGMENTO DA ENTREVISTA A ANDREA FERRER (do IES DE POIO)

-Como andan as relacións sentimentais co galego na zona de Poio... Que predomina o amor ou o desamor?
-A verdade é que nos cinco anos que levo nunca escotei falar en galego no instituto. No instituto nunca... menos na clase de lingua, claro. No resto nunca llo escoitei a ningún alumno... e profesorado... pouco!
Non sei os que entraron este ano en primeiro de ESO, pero... dos que eu coñezo ninguén fala galego como lingua habitual.
- E no teu caso concreto como é esa relación?
- Levámonos bastante ben. Eu nunca falei galego diariamente, porque a miña lingua-nai é o castelán (sempre me falaron en castelán), pero nunca se me deu mal falar galego e non tiven nunca ningún tipo de problema. De feito, desde este verán decidín que nalgún momento da miña vida ía comezar a falar galego diariamente. Era un obxectivo que pretencía acadar na Universidade, pero coa iniciativa dos 21 días co galego e + axilizouse ese proceso e desde hai tres semanas decidín comezar a falar galego diariamente.

SINOPSE DO PROGRAMA 288.9

Ana Vizoso, alumna de 3º de ESO no IES Alonso Ríos (de Tomiño), falounos das súas vivencias da participación no programa dos 21 días co galego.
O mesmo tema tratamos na conversa con Andrea Ferrer, do IES de Poio, a quen chegamos a identificar como a correspondente a Adrián Solovio no século XXI.
Pola súa parte, a profesora Isabel López Mariño, da área de Economía, falounos sobre o tema do incremento do salario mínimo no Estado Español e tamén sobre a posíbel influencia do Brexit no nivel de vida en Galiza.

29/01/20

Proxecto Neo, 287.9: IES Xelmírez-1; IES de Vilalonga; Pilar Ponte Patiño




No segundo dos programas dedicados aos "21 días co galego" estivemos en diálogo coas comunidades educativas dos IES Xelmírez-1 e de Vilalonga (en Sanxenxo). Coa música de Clara Pino, demos paso a unha entrevista ao profesor e escritor Manuel Portas, director do primeiro dos centros: o Xelmírez. A súa valoración da participación no programa foi moi positiva: pola implicación do alumnado, dunha parte moi significativa do claustro e tamén das familias. Tamén tivo palabras de eloxio para a profesora Olga Iglesias, que se ocupa da coordinación xeral das actividades.
A intervención do director, complementouse con tres magníficas intervencións de dúas alumnas de 3º de ESO (Laura Murado e Alesandra Oreiro) e unha de 1º de bacharelato (Andrea Recarei).
A nosa primeira interlocutora no IES de Vilalonga foi a profesora Carme Picallo, que nos presentou a oferta educativa do centro e a seguir fixo o mesmo con sete alumnos e alumnas de 4º de ESO, que a acompañaban en directo. A partir dese momento, a Masa Coral Modelo Burela seguiu ao pé da letra e conversou durante uns minutos con Laura, Gabriel, Mario, Alexia e Inés.
O último terzo desta emisión de Proxecto Neo estivo protagonizado por Pilar Ponte Patiño e Serxio Alonso. O alumno de 1º de bacharelato felicitou a entrevistada polos premios recibidos nestas semanas (Rosalía de Castro, da Deputación da Coruña; e Premio da Culura Galega, na modalidade de Lingua) e a seguir centrou a conversa na evolución dos  "21 días co galego" desde os comezos en 2013 (no IES do Caramiñal) até este momento en que se implementa noutros dez centros educativos.

22/01/20

Proxecto Neo, 286.9: Valentín García (SXPL); Laura Santos ; Iván Sánchez (IES de Cambre); Fogar de Sta. Margarida




Esta nova edición de Proxecto Neo está dedicada aos “21 días co galego”. Para coñecermos o alcance desta iniciativa, abrimos o tratamento dos contidos cunha entrevista con D. Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística.
Inmediatamente despois, na voz das mozas e mozos protagonistas, recollemos diferentes impresións sobre a aplicación do programa. Desde Lugo, atendeunos unha moza do Caramiñal -Laura Santos-, que participou nesta experiencia cando comezaba (en 2014); e desde a área metropolitana da Coruña atendeunos Iván Sánchez, alumno de 1º de ESO no IES de Cambre.
Desde o centro da cidade herculina, conversaron con nós o profesor Carlos Medrano e o alumnado do Fogar de Santa Margarida.
Masa Coral do Fogar de Santa Margarida, da Coruña, colaboradores especiais desta edición de Proxecto Neo.
Lía (2º de Bac), Noa e Marcos (3º de ESO) e Rebeca (1º de BAC) estiveron acompañadas polo profesor
Carlos Medrano, que coordinou a entrevista.

15/01/20

Proxecto Neo, 285.9: Pilar Ponte; Christian Salles; CPI Suárez Marquier (O ROSAL)




Abre o programa un saúdo que nos enviou Pilar Ponte Patiño (A Profa). Inmediatamente despois recibimos unha entrevista realizada polo noso colaborador Christian Salles e que nós emitimos en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.

En colaboración co Colexio Integrado Suárez Marquier do Rosal, realizamos seis entrevistas: primeiro a cinco alumnas do programa radiofónico "The Famous five" e no final á profesora María Oca.

08/01/20

Proxecto Neo: 284.9: Xosé Ríos e Álex de Brito (Hotelaría-IES de Foz); Nacho Taibo; Miguel de Lira



O profesor Xosé Ríos e o alumno Álex de Brito estiveron no noso programa para nos dar a coñecer a oferta educativa da sección de Hotelaría do IES de Foz.
O escritor Nacho Taibo falounos de como se fixo neofalante en galego estando en Madrid. Tamén falamos dos seus estudos de Enxeñaría Naval e de Socioloxía, do traballo na banca e do proceso de incorporación ao ensino da Lingua e Literatura no ensino secundario.
Con Miguel de Lira conversamos sobre Eroski-Paraíso, o filme resultado da colaboración de Chévere e a produtora Ollovivo na que participa o director lugués Pepe Coira.

06/01/20

Coincidindo co oitavo aniversario (04-01-2012 a 04-01-2020), recuperamos a primeira emisión de Proxecto Neo

En primeiro termo, Félix Jorquera -director de Radio Burela-, a persoa que nos abriu as portas da emisora para poder emitir o programa. Ao fondo, a profesora María José Andión no momento da entrevista.