En febreiro de 2020 en Irlanda dúas mulleres ocuparon as portadas dos xornais porque foron as primeiras en ter recoñecemento legal para o seu matrimonio. En Galiza iso mesmo ocorreu quince anos antes. Unha das protagonistas daquela boda entre mulleres estivo con nós no programa. A profesora Guillermina Domínguez Touriño evocounos aquel momento, reflexionou con nós sobre amor e lexislación e presentounos o seu libro Tres mulleres galegas de armas tomar: MAría Balteira, María Castaña e María Soliña.
Seccións
▼
20/02/20
13/02/20
Proxecto Neo, 289.9: Comunidade educativa do IES de Vilalonga; Naír García Abelleira (IES de TEIS)
A comunidade educativa do IES de Vilalonga colaborou connosco novamente. Desta vez, un grupo de alumnas e alumnos de 4º de ESO estiveron no programa acompañados polas súas profesoras Lidia Fernández Pastoriza e Carme Picallo.
Na segunda parte da emisión conversamos coa profesora Naír García Abelleira, unha das impulsoras da Radio Escolar do IES DE TEIS. Este é un fragmento da nosa conversa:
-Canto alumnado atende?
-Neste curso teño 70 alumnos e alumnas de FpBásica, 2º de ESO e Educación para Persoas Adultas.
-Dese total de alumnado, que porcentaxe pode ter o galego como idioma de comunicación espontánea?
- O cálculo é sinxelo, porque actualmente non temos ningún alumno nin alumna que empregue o galego como lingua habitual. Aínda máis: hai nenos e nenas que teñen verdadeiras dificultades para se expresar en galego dentro da aprendizaxe da propia materia ou noutras tarefas.
No centro hai algunhas persoas que teñen o galego como lingua habitual -escóitanse na cafetaría ou nos corredores-, mais son persoas matriculadas nos ciclos formativos. Veñen doutros lugares estudar a Vigo e manteñen o seu primeiro idioma.
[Fóra desa excepción], na ESO e no Bacharelato non temos alumnado que use o galego a diario. Estamos no 0%. É unha cifra tremenda, mais así é o panorama”.
05/02/20
Proxecto Neo, 288.9: Ana Vizoso (IES Alonso Ríos -Tomiño); Andrea Ferrer (IES de Poio); Isabel López Mariño
FRAGMENTO DA ENTREVISTA A ANDREA FERRER (do IES DE POIO)
-Como andan as relacións sentimentais co galego na zona de Poio... Que predomina o amor ou o desamor?
-A verdade é que nos cinco anos que levo nunca escotei falar en galego no instituto. No instituto nunca... menos na clase de lingua, claro. No resto nunca llo escoitei a ningún alumno... e profesorado... pouco!
Non sei os que entraron este ano en primeiro de ESO, pero... dos que eu coñezo ninguén fala galego como lingua habitual.
- E no teu caso concreto como é esa relación?
- Levámonos bastante ben. Eu nunca falei galego diariamente, porque a miña lingua-nai é o castelán (sempre me falaron en castelán), pero nunca se me deu mal falar galego e non tiven nunca ningún tipo de problema. De feito, desde este verán decidín que nalgún momento da miña vida ía comezar a falar galego diariamente. Era un obxectivo que pretencía acadar na Universidade, pero coa iniciativa dos 21 días co galego e + axilizouse ese proceso e desde hai tres semanas decidín comezar a falar galego diariamente.
SINOPSE DO PROGRAMA 288.9
Ana Vizoso, alumna de 3º de ESO no IES Alonso Ríos (de Tomiño), falounos das súas vivencias da participación no programa dos 21 días co galego.
O mesmo tema tratamos na conversa con Andrea Ferrer, do IES de Poio, a quen chegamos a identificar como a correspondente a Adrián Solovio no século XXI.
Pola súa parte, a profesora Isabel López Mariño, da área de Economía, falounos sobre o tema do incremento do salario mínimo no Estado Español e tamén sobre a posíbel influencia do Brexit no nivel de vida en Galiza.