Seccións

27/02/19

Proxecto Neo, 254.8: Juan Álvarez ("Os Sibailas"); Mark Wiersma; Anxo González Guerra (www.ogalego.eu)



Abrimos o programa cunha crónica de Juan Álvarez sobre o concerto de presentación dos Sibailas en Madrid. Falamos do ambiente do concerto, do repertorio e do futuro do grupo. Non esquecemos facer unha descrición do ambiente da foliada celebrada posteriormente ao concerto.
Co californiano Mark Wiersman comezamos a falar sobre o seu paso pola Universidade de Granada, a cidade en que estudou Teoría da Literatura e onde tamén estudou piano e guitarra flamenca. Despois recordamos a súa chegada a Santiago de Compostela, os seus traballos músico-editoriais, o ensino da música en dúas escolas, a colaboración co departamento de Literatura Comparada da USC e mesmo a súa intervención do LGx15.
Na última das entrevistas, Cristian Gómez falou co profesor Anxo González Guerra, integrante da primeira promoción que entrou na especialidade de Filoloxía Galego-Portuguesa en 1976.



20/02/19

Proxecto Neo, 253.8: Sonia Sancho; Oscar de Souto (Faros, Radio Roncudo); Juan Álvarez de Toledo (Sibailas)




Silvia Sancho Gómez (Pontevedra, 1990). Graduada en Belas Artes en Salamanca. Pasou 4 anos en Xapón cunha bolsa do Ministerio de Educación, Cultura, Ciencias e Deportes nipón para promocionar a Cultura Galega a través do Manga na Universidade Politécnica de Tokyo.
Actualmente vive en Vigo e profundiza na Cultura Galega para a dar coñecer a través doutros medios de expresión artística e incluíndo outras linguas.
Por motivos alleos á súa vontade, Silvia Sancho está de actualidade precisamente como consecuencia dunha consulta nun centro de saúde, onde coincidiu cun doutor con grave problema de alerxia... e de educación.
Na segunda parte do programa divulgamos a existencia de dous antídotos para superar os problemas de alerxias: a primeira medicación tróuxonola Oscar de Souto, director de Faros, o programa de poesía en Radio Roncudo; e da segunda responsabilizouse un galego-berciano, Juan Álvarez de Toledo, que nos presentou a primeiro concerto do grupo Sibailas, que fai música tradicional galega en Madrid.

13/02/19

Proxecto Neo, 252.8: Ana Pérez (TVG); Milagros Muíña



Quen #DefendeAGalega fai exactamente o que ten que facer. Por sentido da responsabilidade. Por iso nós quixemos falar con Ana Pérez, unha xornalista con máis de vinte anos de experiencia na Televisión de Galicia. Foi a nosa maneira de celebrar o Día Internacional da Radio. Ao mesmo tempo, coñecemos as reivindicacións dos #Venres negros.
Na segunda parte do programa puxémonos en contacto coa profesora Milagros Muíña, que nos atendeu desde Viveiro. A conversa comezou con temática medievalista e continuou cos cursos internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, dos que a profesora convidada foi coordinadora.

06/02/19

Proxecto Neo, 251.8: Fernando G. Jácome (Sólo Voces); Teresa Rodríguez (Inclusión Educativa Modelo Burela); Xoana Veiga



No programa 251.8 coñecemos o Grupo Vocal Sólo Voces, a través das palabras do seu director Fernando Gómez Jácome.
Falamos da fundación da agrupación musical, do labor do Padre Castiñeira, das actuacións máis relevantes, do repertorio e mesmo tivemos a fortuna de que o Maestro Jácome nos fixese tres suxestións de grandes pezas da música culta galega.
Na segunda parte do programa falamos coa profesora Teresa Rodríguez, da área de Artes Plásticas. Ademais de coñecer as súas vivencias como estudante emigrada ao Canadá, falamos sobre o proceso de inclusión educativa que viviu como nai en Vigo a partir de 1994, o momento do retorno á nosa terra. Despois dunha breve pausa musical, abordamos a participación da profesora Rodríguez nas actividades de reforzo educativo ao alumnado inmigrante no IES Perdouro.
Antes da despedida do programa, aínda tivemos tempo para que Xoana Veiga nos presentase o concerto-presentación de "Dardos" na Casa das Crechas, en Santiago de Compostela.