Seccións

30/01/19

Proxecto Neo, 250.8: Enma Pedreira Lombardía; Quique de Roxíos; Patricia Fidalgo (Cúrcuma); Manuel Miragaia; David Val




A escritora Enma Pedreira Lombardía abriu o programa facendo animación á lectura da súa nova obra Besta do seu sangue (premio Xerais, 2018).
Desde a cidade de Donosti, Quique de Roxíos falounos da súa participación no encontro literario Galeuska a celebrar en Oiartzun.
A gastrónoma Patricia Fidalgo (de Cúrcuma Tapas) presentounos a súa iniciativa hostaleira en Monte Alto (A Coruña). En conversa con Nuria Ramos Cuba, falounos dos pratos que elabora desde hai dez anos, especialmente daqueles que son os preferidos da súa clientela.
Na parte final do programa, presentamos dous libros. Manuel Miragaia animounos a ler Galeguía, obra centrada nas relacións históricas entre Galiza e Portugal; e as ideas do Galeguismo. Pola nosa parte, anunciamos a presentación en Burela de Un nómada en bicicleta. Pedaleando alrededor del mundo, de David Val Pena (Ed. Lar).

23/01/19

Proxecto Neo, 249.8: Adrián Canoura; Xosé Estévez; Alberto Calvín




Adrián Canoura falounos sobre o éxito das súas producións cinematográficas tanto no Estado español como en Francia, Portugal e o Brasil.
Pola súa parte o profesor Xosé Estévez, da Universidade de Deusto, falounos sobre os seus vínculos con Quiroga (onde naceu) e coa Fonsagrada (onde exerceu o sacerdocio). Tamén conversamos sobre o ambiente estudantil na universidade Complutense de Madrid na altura das revoltas surxidas a partir do mes de maio de 1968. O traballo docente na Universidade de Deusto, os ensaios sobre Manuel Murguía e o contido de conferencias sobre Galeuska e Plácido Castro completaron os temas abordados na entrevista.
No último cuarto deste espazo conversamos con Alberto Calvín, labrego e escritor de Taramundi.

16/01/19

Proxecto Neo, 248.8: Semente de Trasancos; CPI Virxe do Carme (Burela); Alicia Lago (Terzo da Fala)



Abrimos o programa con poesías recitadas por alumnas e alumnos do Colexio "Virxe do Carme" de Burela.
A seguir comunicamos con Ferrol, desde onde nos atendeu unha representante da Semente de Trasancos para nos dar a coñecer o estado da campaña "Vamos polo Primário", que vai conseguir o éxito.
Todo o resto do programa estivo dedicado á conversa coa profesora arxentino-galega Alicia Lago, que estivo no estudio de Radio Burela para compartir o programa coa equipa de Proxecto Neo.

09/01/19

Proxecto Neo, 247.8: Lucía Santiago Díaz (Revista Irimia); Pepe Vázquez Peinó



Lucía Santiago Díaz é a presidenta de Irimia, a Asociación de Crentes Galegos. Con ela celebramos os mil números dunha revista moi importante para a nosa cultura. 

Pepe Vázquez Peinó, lugués asentado na Mariña, é profesor no IES Alfoz-Valadouro. Nestes días presenta o seu libro de recente publicación. Titúlase "A fuxida" e é unha longa novela protagonizada por un adolescente que decide escapar na procura da súa identidade.