Seccións

25/04/18

Proxecto Neo, 226.7: Gabriel André; Ana Manso (Univ. Extremad.); Elsa González (IES Val de Xálima); A. Canoura; Espiño





Comezamos o programa celebrando o 25 de abril en conversa con Gabriel André, profesor da Universidade Nova de Lisboa. Aproveitamos para coñecer o programa de actos conmemorativos do Día da Liberdade e, ao mesmo tempo, adiantamos a previsión de eventos a celebrar en Lisboa durante o mes das letras galegas.
A profesora Ana Manso presentounos o panorama lingüístico do Val de Xálima, un tema sobre o que prepara a súa tese de doutoramento.

18/04/18

Proxecto Neo, 225.7: Especial IES Terra de Xallas; Paulo Fernández Mirás





Coñecemos a oferta educativa do IES Terra de Xallas a través da información que nos ofreceron dúas alumnas do segundo curso de ESO, Valeria Amarelle Capelo e María Blanco Mariño.
Apoiados nestas dúas mozas moi dinámicas, puidemos facer tamén entrevistas a outras dúas mozas estudantes no mesmo centro e ambas destacadas en actividades lúdico-deportivas: a hípica e a danza. Ana Sueiro presentounos o Clube Haras de Compostela e falounos da súa experiencia na equitación. Outro tanto fixo Ainhoa González, que practica Caribbean Show Dance na asociación Arte e Movemento de Cee.
Pola súa parte, José Manuel Vázquez (Técnico de Xuventude do Concello de Santa Comba) falounos da estreita colaboración entre o departamento municipal en que traballa e o Instituto Terra de Xallas, unha colaboración que se manifestou unha vez máis no intercambio educativo que une estes dous institutos.
A profesora Ana Belén López, coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística, agradeceu a participación do alumnado nesta experiencia radiofónica.
Nos minutos finais, recibimos a felicitación poética dos Gatiños dos Castros e démoslle difusión á crónica que sobre actividades dedicadas a Ricardo Carvalho Calero nos fixo o noso colaborador Paulo Fernández Mirás.

11/04/18

Proxecto Neo, 224.7: Juan Carlos G. Hoyuelos; Miruca Parga; Paulo F. Mirás; María G. Jartín; Luzia Oca




O poeta burgalés Juan Carlos García Hoyuelos presentounos o seu libro Aire, fuego y deseo (que está acompañado dun disco con 25 poemas recitados ou musicados no conxunto dos idiomas peninsulares). Aproveitou a ocasión para dar a coñecer a súa presentación na cidade da Coruña (19-IV-2018), baixo a organización da Asociación Alexandre Bóveda.
A profesora Miruca Parga, do ENL do Instituto Perdouro, falounos sobre a situación lingüística no Val de Xálima (en Cáceres).
Paulo Fernández Mirás fíxonos crónica do desenvolvemento do Seminario dedicado ao Binormativismo na Faculdade de Filoloxía da Universidade da Coruña, un envento en que participaron os profesores Xosé Ramón Freixeiro Mato (da UdC) e Eduardo Maragoto (da EOI de Santiago de Compostela).
MAría G. JArtín fíxonos partícipes das actividades divulgativas organizadas en Meira e Riotorto para pedir un Día das Letras para o escritor Avelino Díaz.

04/04/18

Proxecto Neo, 223.7: Xoán Piñón (DOA); Paulo F. Mirás; Pablo Quintana (Ed. Canela); Nilda Borges




Con Xoán Piñón celebramos o 40º aniversario de DOA sobre os palcos musicais. Coñecemos a data de creación do grupo, os seus primeiros integrantes e incluso o sistema de escolla do nome. Despois falamos de todos os discos, con especial destaque para o primeiro (O son da estrela escura) e o máis recente (A fronda dos cervos).
Con Paulo F. Mirás, da Faculdade de Filoloxía da Universidade da Coruña, falamos sobre a convocatoria do Seminario "Binormativismo na Galiza" a celebrar naquel centro de ensino con intervención de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Eduardo S. Maragoto.
Pablo Quintana presentounos a Editorial Canela e fíxonos crónica dos actos literarios celebrados en Boal e no Franco arredor da máis recente publicación do seu catálogo: Personaxe descoñecido (de Quique de Roxíos).
Nos últimos minutos recibimos a visita de Nilda Borges, que nos fixo unha valoración dos obradoiros de diversidade coordinados por Antoinette Torres Soler e coorganizados polo Concello de Burela en colaboración cos Institutos Monte Castelo e Perdouro; co Observatorio da Mariña pola Igualdade e Afrogalegas.