Seccións

31/03/16

Proxecto Neo, 155.- Programa dedicado a D. Henrique Peinador


Un programa convencional non comezaría coa música das Adufeiras de Salitre. Iso con toda certeza. Mais o 155 foi o programa dedicado a D. Henrique Peinador e algunha maneira tíñamos que buscar para o destacar.
En verdade, no comezo o que destacamos foi a presentación do blogue dedicado ao programa Grandes Voces do Noso Mundo, emitido todos os venres entre as 7 e as 8 da tarde en Radio Burela, baixo a dirección de Marco Pereira Oliveira e a locución de Helena Valle.
Maka Ledo, entre bromas, fíxolle falar a Mónica Palacios, que nos ilustrou en pormenor sobre os contidos e o deseño do blogue que acaba de dar a coñecer.
Na segunda parte do programa falamos cun "valdeorrés en Compostela, cidade moi permeábel a moitas culturas". Así se nos presentou D Ricardo Gurriarán que proclamou: "Levo corenta anos nela e Compostela é a miña patria. Mais nunca perdín o valdeorrismo. Alí vou, como mínimo, cada mes". 
Despois desa presentación en ton tan espontáneo, o profesor da USC tomou a palabra e deunos unha clase maxistral a través das ondas. Falounos dos seus libros sobre o maio do 1968 en Santiago de Compostela; falounos de D. Lourenzo Fernández Prieto (o director da súa tese doutoramento); e presentounos o perfil biográfico de D. Henrique Peinador e das súas iniciativas empresariais e culturais. Moitos anos despois, sentímonos como se estivésemos no Balneario de Mondariz e se desde alí participásemos nun ambicioso programa de contidos interculturais.





22/03/16

Centros de Estudos



De como se traballa no Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense xa nos falou no seu momento a profesora Lidia López Teixeiro. Mais nestes días puidemos comprobalo directamente, cos nosos propios ollos. 
Porque deben saber que a profesora Lidia ideou unhas xornadas de estudo itinerante e que comentou  a proposta co alumnado, que este apoiou a idea, que en conxunto lla propuxeron á profesora Carmen Mejía Ruiz e que esta -ao estilo Xurxo Souto- dixo aquilo de "Avante Toda". 
Mais non só dixo "Avante Toda", senón que tamén puxo a funda de traballo e integrouse na expedición e así chegaron a Mondoñedo, e de Mondoñedo a Viveiro, e de Viveiro a Rinlo, e Rinlo a Burela e a Cervo e Xove...
E, como pararon en Burela, coñeceron Helena e Maca, e Lavilson e Diego. E estiveron no recuncho do Doce Lecer e conversaron con Dori, xusto diante de Rosalía e de Maruxa.
Afortunadamente temos imaxes do momento. Porque Lucía Rivas é Lucía Rivas.

16/03/16

Proxecto Neo, 154.- Kathleen March; María Curros Ferro


"-O primeiro artigo que publiquei sobre temática galega foi de 1979, en Grial, sobre Manuel Antonio.
-Publicou primeiro sobre Manuel Antonio antes que sobre Rosalía?
-Claro!
-Profesora, estanos saíndo moi vangardista!
-Son. Son. Exactamente. Na lingua, na política e en todo. E a moita honra!"


Unha brillante sesión didáctica de galeguismo universalista no máis fiel estilo das Irmandades da Fala, a quen tributamos homenaxe (1916-2016). Maka Ledo, Helena Valle e Mónica Palacios conducen ao unísono unhas magníficas entrevistas con Kathleen March (Univ. de Maine) e María Curros Ferro (Univ. de Granada).

Referencias:

1.- Artigo do prof. Dr. Carlos Feal Deibe
2.- Prof. Dr. Benito Varela Jácome
3.- Emily Dickinson
4.- Emilia Pardo Bazán
5.- Rosalía de Castro
6.- Manuel Antonio
7.- Harriet Beecher Stowe
8.- Asociación Internacional de Estudos Galegos

15/03/16

Proxecto Neo, 154.- Kathleen March

O FUTURO "DEPENDE" DA SOCIEDADE

A tradutora americana Kathleen March espera "non ver a morte do galego",

SANTIAGO. EP  | 17.07.2015 

Kathleen March, catedrática de linguas modernas da Universidade de Maine en Estados Unidos e tradutora de autores de Galicia ao inglés, confiou en non chegar a ver "a morte do galego", unha lingua o futuro da cal dependerá da propia sociedade e do coidado do pobo para trasmitirla de xeración en xeración

Nunha entrevista concedida a Europa Press, March recordou que leva escoitando "preocupacións" sobre a desaparición do galego ou pola perda de falantes dende hai décadas e que, non obstante, aínda "segue aí", aínda que considerou que o destino do idioma "non depende dos políticos". "Depende de vós", engadiu.

"A xente podería falar máis, coidar máis a calidade da lingua, iso sempre, pero aínda está aí. Máis que nada teño fe na importancia da lingua, como parte da identidade galega", destacou, sobre a súa visión acerca da situación do idioma nos últimos anos.

March contrapuxo Galicia coa situación de Estados Unidos onde "o capitalismo está a facer estragos, en todos os sentidos", cunha sociedade "amante das grandes empresas", descoñecedor da historia e onde a cultura "non é cultura nin é nada".

"Mañá poderían dicir que todos imos falar a lingua de Mickey Mouse", ironizou, e que usou para constatar que Galicia "ten máis posibilidades de sobrevivir".

A pesar diso, si escoita e le as críticas de "moitos amigos" sobre a situación do idioma incidindo en que "os galegos que falan galego van poder manter viva a lingua". "Adiante co galego e a seguir tendo orgullo, non cuestionando a súa posibilidade de seguir en pe".

VISIÓN EXTERIOR

A tradutora tamén incidiu en que se incrementou o volume de estudosos de literatura galega no exterior, sobre todo a partir da "aparición de Internet e medios de comunicación" electrónicos que permiten ter acceso a obras ás que antes só podían acceder mediante a compra física en Galicia.

"Hai moito que se pode facer. Somos estranxeiros, e sabemos que existe unha cultura e unha lingua e podemos axudar, a valorar, visibilizar, e a traducir. Temos unha pequena cousa coa que contribuír nese sentido".

March acudiu a Santiago para participar no a XXVIII edición dos Cursos de Lingua e Cultura Galega para estranxeiros da RAG, na que falou sobre a súa investigación da literatura de viaxes por parte de escritoras anglosaxonas que acudían a descubrir a cultura de Galicia.

"Querían coñecer a arte, a historia, a arquitectura. Lían moito sobre a historia da Igrexa", engadiu, aínda que tamén "tiñan outro xeito de ver as cousas" e querían "falar coa xente, observar doutro modo".

Sobre todo, manifestou "moito interese" en comprender o xeito en que se achegaban á poboación para "coñecer as cousas da xente", a súa vida, dado que "practicamente non sabían" galego, e que en aquel tempo España aínda "non era obxectivo de moitos viaxeiros", polo que chegar a Galicia era "máis aínda un desafío".

"O POUCO GALEGO" QUE HAI EN MADRID

Tamén se referiu á polémica mediática sobre unha posible eliminación do nome de Álvaro Cunqueiro dunha rúa de Madrid en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, medida que non é oficial nin está confirmada polo Concello.

Neste sentido, cre que o debate sitúa os galegos "nunha situación difícil" e descoñece se hai "unha boa resposta", aínda que si destacou a Cunqueiro como "un bo escritor" do que se pode analizar, e "gozar" coa súa obra.

A pesar diso, considera que se esta medida se chega a efectivizar e quita "o pouco galego" que hai en Madrid se debería de substituír por outro escritor ou escritora de Galicia.

09/03/16

Proxecto Neo, 153.- Fermín Paz Lamigueiro




Conmemoramos o Día Internacional da Muller Traballadora en conversa con Karina Parga Chao (Vicedirectora do Instituto Perdouro). Despois de escoitarmos unha primeira mensaxe que nos mandou a profesora María Curros Ferro (da Universidade de Granada), á nosa Sra. Condutora do programa dedicámoslle a audición do poema rosaliano "unha vez tiven un cravo" recitado por un fadista portugués. A seguir escoitamos outro recitado: neste caso de Iria Carreira e Maria Aguión, estudantes do Instituto de Arzúa.

Na segunda parte do programa, conversamos con Fermín Paz Lamigueiro con quen tratamos o estado das relacións entre cultura galega e sindicalismo do sector industrial. O noso contertulio, nacido en Ribadeume -parroquia que pertenceu á Capela e que agora pertence ás Pontes-, fixo a formación escolar na escola do seu concello e despois formouse na área técnica na Coruña e en Madrid. En 1971 entrou a traballar no estaleiro de Astano en Fene e en 1974 pasou a traballar na mina das Pontes. A través das súas propias palabras, soubemos como se fortaleceu dentro del o orgullo de ser.

04/03/16

Proxecto Neo, 152.- Os ovos polo seu nome. O uso do idioma na empresa. Xabier P. Igrexas, neofalante de Vigo




Comezamos o programa en conversa con Kátia da Veiga Gomes, que nos falou da súa interpretación do poema "P'ra Habana" de Rosalía de Castro. Durante a conversa, fixemos conexión con Cataluña. David Fernández dialogou con Kátia e transmitiulle os parabéns por ter feito a versión dunha canción orixinal de O Val das Mouras.
Despois falamos co Poleiro da Peneda, en Cartelle, para coñecer en que consiste iso de "os ovos polo seu nome".