Seccións

28/01/15

Proxecto Neo nº 112.4 - Marianna da Costa Santoro e Antonio Reigosa





O programa número 112 foi emitido o día 28 de xaneiro de 2015. Nel participaron a moza brasileira Marianna da Costa Santoro e o escritor Antonio Reigosa.
Cando faltaban dez minutos para o comezo do programa, a nosa convidada xa estaba entrando no estudio de Radio Burela. Chegou transmitindo alegría (algo escondida debaixo da timidez). "O que é que me vai perguntar? Só aquilo que falámos?". Claro! A conversa irá fluíndo. En Radio Burela a timidez desaparece en poucos minutos.
Ás cinco da tarde comezamos e Marianna xa se deixou levar polo ritmo da sintonía de Chemel Ruíz e Pablo Trobo. Despois falamos dela na sinopse e inmediatamente comentounos o significado de determinadas palabras da letra da primeira canción. Unha vez que escoitamos esta, coñecemos mellor a convidada. Soubemos que chegou a Burela en 2009, que estivo só un mes, e que nos anos posteriores retornou á nosa terra para visitar o seu pai, "Neco", Director Deportivo do C. D. Burela F.S. A través das súas palabras, entramos na súa escola na Barra de Tijuca, no Río de Janeiro; visitamos moitos lugares de Galiza e España; e falamos de materias preferidas e doutras que non o son.
Na parte final do programa, transmitimos os parabéns a Antonio Reigosa no momento en que o Concello de Mondoñedo o nomeou por unanimidade o seu Cronista Oficial.  

21/01/15

Proxecto Neo nº 111.4 - Laura Sofía Semedo Brito e Marta Ortiz




O programa nº 111 ("o dos tres uns" como o definiu unha das participantes) foi tamén cualificado como "o programa das Amores" -en feminino- en xogo co título dunha das cancións coa que abrimos a súa presentación: "Tres amores", de Sacha na Horta.
Coa axuda de Viviane Furtado Brito e Karina Parga, Maka Ledo conduciu a entrevista a Laura Sofía Semedo, a súa colega estudante de Bacharelato no Instituto Perdouro. Durante a conversa, falaron do seu nacemento en Vila Nova de Gaia dentro dunha familia de "brancos e negros"; e tamén evocaron os anos da escolarización e a chegada a Burela con 10 anos. Despois dun brevísimo inciso, a conversa xirou arredor dos resultados académicos do alumnado de procedencia caboverdiana.
Na segunda metade do programa, Karina Parga falou demoradamente con Marta Ortiz, unha das integrantes da compañía teatral "A tropa de trapo". Nacida na Cataluña e filla de familia andaluza, esta actriz chegou hai uns anos á nosa terra ao abeiro dunha bolsa Séneca para complementar os estudos de Maxisterio.

14/01/15

Proxecto Neo nº 110.4 - Luís G. Blasco, Karina Parga, Luís Davila e Iseo Agilda Bolaño (Blues do País)



Comezamos e finalizamos o primeiro programa de 2015 con música galega. Abrimos ás cinco da tarde ao ritmo dos acordes de "Teño tres amores", unha canción interpretada polos Blues do país, e, xa no final, despedímonos con Sacha na Horta e a súa chamada na procura de "Amante Galego-Falante".
Con ritmo intenso, abordamos o tema central do programa: os tráxicos acontecimentos de París. Diso comezou falando Karina Parga con Maka Ledo, que tamén conduciu a entrevista con Luís G. Blasco ("Foz"). O académico da AGLP rememorou para Proxecto Neo a súa etapa no exílio francés. Falounos dos seus traballos na capital e dos estudos de Lingüística na Universidade París VIII. No final da entrevista tamén falamos do seu ensaio titulado A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986), publicado por Laiovento (2012).

Apremiados polo tempo, recollemos unhas brevísimas palabras do artista gráfico Luís Davila a quen transmitimos o agradecemento por ter recollido o sentir da maioría de galegos e galegas na publicación que fixo en homenaxe aos colegas franceses. Simultaneamente, tamén soubemos da magnífica acollida do público ao espectáculo que Luís Davila comparte con Carlos Blanco. Neste sentido, o humorista gráfico confirmounos que a xira se vai manter no tempo.
No último cuarto do programa, establecemos comunicación con Ramirás, onde nos atendeu Edit Iseo Agilda Bolaño, unha das integrantes do grupo musical Blues do País. Esta artista presentouse como neofalante e seguidamente deu a coñecer ao público a proposta da súa formación para facer uns espectáculos moi divertidos.

(Esta fermosa imaxe foi tomada do facebook do grupo)