Seccións

30/05/14

Escolas de diferentes continentes unidas pola Ponte nas Ondas


Foto de grupo realizada no estudio de Radio Burela unha vez finalizada a retransmisión do programa. De esquerda a dereita: Aitana García, Cristina Cigarrán, Aitor López, Aitana Rodríguez, Carla Bolaños, Bruno Faustino,  Saray Gómez e Nicola Berminghan.

ESCOITA AQUI O PROGRAMA
(Se deixas descargar, podes ir directamente ao minuto 47)

O día 30 de maio de 2014 celebrouse o XX Aniversario de Ponte nas Ondas cunha xornada de 24 horas de radio e televisión en directo. Participaron alumnos e alumnas de 54 centros educativos e moitas personalidades da cultura e a comunicación como Francino, Julia Otero, Grabriela Mendes, Xurxo Souto, Ana Romaní... A maratón comezou ás 10:00 da mañá no Aulario Miralles da Universidade de Vigo e teceu unha rede entre 14 estudios de radio de Galiza e Portugal, unha delas Radio Burela.

O Instituto Perdouro realizou un programa de promoción da interculturalidade a través da música, a literatura e os tempos libres. Tras unha introdución musical a cargo das Batuko Tabanka -tocando ritmos caboverdianos desde a Praia das Catedrais-, a equipa radiofónica de 1º de Bacharelato presentou os contidos do programa e deu paso ao "Leverelem" de Ugia Pedreira e Marful. A seguir, chegou o momento dunha entrevista ao vivo coa profesora Adela Figueroa, que evocou para toda a audiencia as actividades de Ponte Intercultural en que participou tanto na cidade do Lérez como en Lugo. Na última parte da entrevista tamén falou da súa creación literaria e escoitou o recitado do seu poema "Para Adela Panisse, Minha mãe".

A profesora foi despedida con música. Neste caso o tema "O meu país", na versión de Luar na Lubre interpretada por Sara Vidal.

Na última parte do programa conversamos no estudio con Bruno Faustino Durán, educador social que nos falou do labor do grupo Chao de Castro-Altair en toda a Mariña e tamén no Mindelo (Cabo Verde).

28/05/14

Proxecto Neo nº 95.3 - Nicoleta Rasuceanu + Anxo Fernández + Francisco de Limiar + Luís Ansedes

                                   Matías Nicieza no control técnico durante a retransmisión de Proxecto Neo

O programa 95 comezou co temor a que fallasen as comunicacións, porque estas eran esenciais: o desenvolvemento dos contidos dependía da conversa a distancia. 
Aínda así, botamos a andar con confianza. Presentamos o programa e escoitamos a música de Milladoiro para ambientar a viaxe á Terra de Montes, patria pequena dos Gaiteiros de Soutelo e lugar ao que chegou desde Romenia a nosa primeira convidada. Xusto cando estaba todo listo, soou o teléfono e recibimos a chamada para participarmos no programa de Ponte nas Ondas organizado polo IES de Tui. Que facer? Non había outra alternativa que non pasase por saír do guión para sintetizar as dúas emisións.
Nese momento emerxeron dúas estrelas: Viviane Furtado e Laura Sofia Semedo. Ambas conduciron unha magnífica entrevista ao vivo con Luandino Vieira (o escritor angolano autor de Luuanda). Foi a xentileza que tivo para Proxecto Neo a profesora Helena Pousa, xentileza que moito agradecemos.
Emocionados pola fluidez comunicativa de Viviane e Laura Sofia -que nos fan sentir orgullosos de as termos entre nós-, comezou o recital de Simón e Nicoleta Rasuceanu. A estudante do IES Chano Piñeiro comezou con respostas frías, moi moi pensadas e moi moi sintéticas, mais o noso Simón soubo transmitirlle confianza e a moza pasou a sentirse ben. Nese momento comezaron a escoitarse os primeiros risos e a conversa fíxose moi amena.
Despois de ouvir a música seleccionada pola convidada, cambiamos de interlocutor. O profesor Anxo Fernández expúxonos o contrapunto. A través das súas palabras coñecemos algo máis sobre a comunidade educativa do IES de Forcarei, onde estuda Nicoleta.
O intervalo musical deu paso a unha nova entrevista. Neste caso foi Helena Valle quen conduciu a conversa con Francisco de Limiar, un dos integrantes da cooperativa Avoaescola que mantén aberto un centro educativo con pedagoxía inclusiva no Concello de Narón. Como o noso interlocutor nos deu unha grande lección sobre integración, despedímolo coa música de Mamá Cabra, o grupo galego de referencia na música infantil.
Nos minutos finais, recibimos no estudio de Radio Burela a visita de Luís Ansedes, en representación da Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo. Este coñecido emprendedor mindoniense -tamén moi implicado no Grupo Literario Leiras Pulpeiro- presentounos as xornadas culturais a celebrar na Mariña entre os días 4 e 6 de xullo.

21/05/14

Proxecto Neo nº 94.3 - Nicoleta Rasuceanu + Dolores Vicente



No programa 94.3 tíñamos previsto entrevistarnos con Nicoleta Rasuceanu, alumna de 1º de bacharelato do IES Chano Piñeiro de Forcarei. Por motivos alleos á programación, non puido ser. Á vista de que Nicoleta non podía atendernos, escoitamos unha das pezas musicais que nos tiña seleccionada e demos a coñecer o caso da súa integración modélica a través do vídeo feito por Anxo Fernández.
Despois da cabeceira do programa, reproducimos unha entrevista de Xoel Xeada a Pedro Miguel Rocha con motivo da presentación do seu libro Contos peregrinos no IES Perdouro.
Pasado o ecuador, Maka Ledo contactou con Dolores Vicente, membro do EDNL do IES Félix Muriel de Rianxo. Foi unha entrevista de ritmo intenso que tivo como protagonista unha muller enérxica. Lolita falounos do seu traballo no servizo de limpeza do instituto durante case 25 anos. Das súas palabras despréndese un profundo amor pola institución en que traballa, a mesma que se encarga da formación académica dos seus parentes e veciños e veciñas.
Ademais de escoitar algo de música, aínda tivemos tempo para falar do uso das redes sociais e da normalización lingüística nos blogues de temática diversa.


Outras referencias:

1) http://perdourando.blogspot.com.es/2014/05/cronica-viaxe-rianxo.html
2) http://perdourando.blogspot.com.es/2014/05/cronica-do-intercambio-co-ies-felix.html
3) http://perdourando.blogspot.com.es/2014/05/intercambio-dos-ednl-visita-rianxo.html

14/05/14

Proxecto Neo nº 93 - Cibrán Arxibai + Nicola Berminghan

ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

Karina Parga conducindo o programa

De novo xuntos. A mocidade estivo primeiro en Londres e despois en Rianxo. Levábamos dúas semanas por aquí e por acolá e non coincidíamos. Desta vez, si. Programa con equipo ao completo, para grande alegría da nosa fotógrafa oficial.
Comezamos falando de Londres e do programa de actividades preparado polo profesor Antonio Galdo. A valoración foi moi positiva e comentámola con moito agrado, mesmo entre risos. Tamén cando Helena nos comentou as anécdotas (as boas e as non tan boas).
Despois escoitamos os Diplomáticos interpretando o "Exiptano" de Manolo Maseda Deán (director do IES Maximino Romero de Lema de Baio). A seguir puxémonos en contacto con Cibrán Arxibai, profesor de Matemática no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Por fin, fixémoslle un recoñecemento público en Proxecto Neo ao editor do blogue intitulado Carta Xeométrica. Ben que o merece, porque nos mantén moi ben actualizados sobre a máis recente documentación de interese para a didáctica.
Nos minutos finais, aludimos por encima ao intercambio co IES Félix Muriel de Rianxo e entramos en conversa coa profesora Nicola Berminghan, que continúa a súa investigación sobre a integración cultural das comunidades inmigrantes na Mariña. Maca Ledo ocupouse da entrevista e a profesora convidada respondeulle coa máxima fluidez. Merece moito a pena escoitalas.




07/05/14

Proxecto Neo nº 92 - Servando Barreiro +Ermitas Valencia (Libraría Suevia) + Xosé Henrique R. Corcón


Programa nº 92, gravado na tarde do día 6 de maio e emitido no día seguinte, coincidindo coa viaxe educativa que o IES Perdouro devolvía ao IES Félix Muriel de Rianxo. Son tres entrevistas: a Servando Barreiro, a Ermitas Valencia Romar (da Libraría Suevia) e a Xosé Henrique Rivadulla Corcón.
Antes de entrar en conversa co artista de Valadares, escoitamos unha súa peza musical intitulada "Dias como sonhos". Despois falamos de como se consegue ser neofalante en Vigo, abordamos o currículo musical de Servando Barreiro. A audición dunha peza dedicada a Avilés de Taramancos, escrita por Manolo Pipas e musicada polo noso convidado, serviunos de porta de entrada á última parte da entrevista, que centramos nas actividades parateatrais do contertulio. Finalmente, escoitámolo nunha singular de actualización dramático-musical da "Sabela" de Castelao.
Na segunda parte do programa, entramos en comunicación coa Coruña, onde nos atendeu Ermitas Valencia Romar, en representación da Libraría Suevia daquela cidade. A libreira abriunos as portas de par en par e mostrounos os contidos (bibliográficos, musicais e cinematográficos) dese foro da cultura galega. Alén de nos dar información de como chegar ao local, tamén nos fixo partícipes do programa de actividades convocadas para todo o mes das Letras. Puxo especial énfase nun evento protagonizado por Pedro Miguel Rocha, "o escritor portugués con alma galega", que presenta en primicia na Libraría Suevia os seus Contos Peregrinos, de publicación recente.
Faltando xa poucos minutos para o final do programa, continuamos en comunicación coa cidade herculina para falar con Xosé Henrique Rivadulla Corcón, guionista e presentador de programas da TVG. Como a tertulia estaba realmente moi interesante e non dispúñamos de máis tempo, citámonos para unha nova ocasión. Esta chegará en breve.
Nesta ocasión, a novidade estivo no final. A despedida foi locutada pola nosa fotógrafa oficial, Lucía Rivas, que aproveitou a oportunidade para pedir á audiencia a colaboración con Matías Nicieza no programa "A Sinfonola", emitido inmeditamente despois de Proxecto Neo.

06/05/14

No camiño da lingua (Concertos Modelo Burela)

O Director do IES Perdouro 
comprácese en convidar a Vde. aos eventos 
 No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela)
Estas actuacións do Grupo Vocal SondeNós celebraranse o próximo sábado, 
día 10 de maio:
 ás 12:30 horas, na Igrexa de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). 
e
ás 19:30 horas, na Casa-Museo de Rosalía de Castro (Casa da Matanza), en Padrón.
Na espera de contar coa súa presenza, reciba cordiais saúdos de 
Santiago J. Pérez Docobo
 Burela, maio de 2014 
Rogamos confirmen a súa asistencia. 
Poden facelo por correo electrónico: modeloaditivo@gmail.com


Programa:

Texto de Rosalía de Castro (1836-1885)
Música de Maximino Zumalave (n. 1956)
Arr. coral de Julio Domínguez (n. 1965)
Cada noite

Texto de Rosalía de Castro (1836-1885)
Música de Xoán Montes Capón (1840-1899)
Adapt. de Plácido Travieso (n. 1972)
Negra sombra
Teresa López, voz

Texto de
Manuel Curros Enríquez (1851-1908)
Música de L. E. Batallán (n. 1948)
Arr. coral de Plácido Travieso (n. 1972)
sobre partitura de Julio Domínguez (n. 1965)
Do mar pola orela

Texto de Manuel Antonio (1900-1930)
Música de Julio Domínguez (n. 1965)
Ficando sós

Textos de
Manuel Curros Enríquez (1851-1908)
e Séchu Sénde (n. 1972)
Música de L. E. Batallán (n. 1948)
Arr. coral de Plácido Travieso (n. 1972)
O maio + Falarás a nossa língua
Séchu Sende, voz

Texto de Séchu Sende (n. 1972)
Música de Plácido Travieso (n. 1972)
Quando eu sonho


O Grupo Vocal SondeNós está formado pola soprano Julia Cea (A Coruña); mezzosoprano Rocío Fernández (O Vicedo); os tenores Plácido Travieso (Viveiro) -que ademais fai de director- e Txemi Jiménez (Vitoria); os barítonos Lucas Iglesias (O Vicedo) e Santiago Fernández (Luarca); e o baixo Javier Díaz (Oviedo).

Malia a súa recente formación, SondeNós ten actuado en diferentes localidades dentro e fóra de Galiza e de España. No Vicedo, convidados pola Asociación Orde Templaria, en dúas ocasións; en Viveiro, convidados polo Coro de Cámara (dir. Javier Fajardo) desta localidade. En Viveiro colaboraton no lanzamento da Viagem ao Curdistám de Séchu Sende; en San Cibrao, na inauguración da máis recente exposición do fotógrafo Isidro Cea; en Burela, nun célebre concerto educativo enmarcado no Proxecto Modelo Burela; en Foz e en Betanzos, dentro da programación cultural da Semana Santa; en Ribadavia, xunto á Capela Madrigalista de Ourense (dir. Julio Domínguez) e o Coro de Cámara Canta Compaña (dir. Julia Cea).

04/05/14

De Burela a Rianxo a través das ondas (II)

DE BURELA A RIANXO A TRAVÉS DAS ONDAS
 PALABRAS DE SAÚDO DA EXPEDICIÓN DO IES FÉLIX MURIEL

Valentina Formoso


Estamos encantados de estar hoxe en Burela e moi agradecidos do acollemento.
Desde o curso 2004-2005 levamos facendo intercambio co alumnado que é membro do ENDL. Esta actividade vén sendo un premio ao traballo de todo o curso para este alumnado pero tamén está concibida como unha actividade educativa e didáctica. Polo tanto vimos aprender hoxe de como se desenvolve o labor normalizador do centro de ensino de referencia, e non só no ensino é referencia o ENDL do IES Perdouro, senón no conxunto da sociedade. 
A verdade é que desde que soubemos o proxecto deste IES cando lle concederon o primeiro de múltiples premios de innovación, sempre quixemos vir coñecer o seu labor de primeira man, así que hoxe, que por fin estamos aquí, só podemos estar moi contentos.
Tiñamos ademais moito interese en ver como traballabades coa radio, por iso a visita está a ser do máis completa, polo que reitero o noso agradecemento.