ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA
Abrimos o programa 73.3 cunha fermosa canción de Pink. Recomendóunola o noso primeiro convidado, Diego Larrosa, que a descubriu a través da profesora Ana Bugarín, da área de Lingua Inglesa. Diego recoñece que non a cantou (por exceso de vergoña), mais di que se deixou captar pola melodía e que se fixou moi atentamente no significado da letra. Boa proba de que lle encantou é que nos pediu que a puxésemos de primeira.
Cando nos dispúñamos a falar con Diego, recibimos unha chamada en directo. A sorpresa agradabilísima déunola Toño Núñez, coordinador do Equipo Normalizador do IES do Camiño de Palas de Rei, quen atendeu á mensaxe circular que enviamos no comezo do curso a todos os centros de ensino secundario de Galiza. O profesor Núñez chamounos para nos recomendar dous posíbeis entrevistados para o programa: un profesor orixinario de Asturias e unha alumna chegada da illa de El Hierro nas Canarias. En vivo e en directo, manifestámoslle o agradecemento pola colaboración e nomeámolo embaixador de Proxecto Neo no seu centro educativo.
Finalizada a chamada, fixémoslle a entrevista a Diego Larrosa, que falou "como un libro aberto". Impresionounos moito a súa soltura á hora de nos explicar o cosmopolitismo da súa familia, a chegada á nosa terra en 2003 e os factores que favoreceron a súa integración realmente inmellorábel. Como cereixiña final, a resposta á pregunta "fóra de guión" feita por Simón R. Rouco: Diego é sobriño-neto de
Oscar Washington Tabarez (treinador da Selección Uruguaia de Fútbol, aquela que xogou no Estadio San Lázaro de Compostela o primeiro partido da
Selección Galega na etapa contemporánea, nun histórico 29 de decembro de 2005).
Na segunda parte do programa, despois da clásica pausa musical, puxémonos en comunicación con Ruth Martín, a vocalista dos Folkgazais.
Así nola presentou o noso Serxio Rivas Valiña:
A historia de cómo contactamos é ben bonita. A produción fíxose a través do correo electrónico. Nós puxémonos en contacto con Ruth Martín, a vocalista do Conxunto Folkgazais. Pedíamoslle algúns datos sobre ela e sobre o grupo. Nese mesmo día, xa tivemos a resposta que agora compartimos coa audiencia.
Fixádevos que maravilla. Isto é o que nos respondía Ruth:
Boas! Aqui vos redacto algo de informacion.
Comecei tocando a guitarra na casa co meu pai...músico autodidacta. E no colexio fixen folk asturiano. Formei parte das 9 nenas da rondalla do colexio publico A Paloma (de Castropol, pois eu son das Figueiras).
Ese vrao comecei a cantar e tocar bandurria na rondalla de veteranos de Ribadeo, dirixida por John Rutheford, e só un ano despois matriculeime na escola municipal de musica de Ribadeo, co fin de tocar o saxofon na banda municipal dirixida por Hernán Naval Parapar, home que levo comigo cada dia.
Nos anos seguintes por motivos laborais desvinculeime da música. Grazas a ese traballo persoal de Hernán Naval os músicos da banda sempre fomos unha pequena familia... entón pedinlle a unha grande percusionista que me ensinase un pouco a tocar a pandeireta.
Así foi como me acheguei a Amigos da Gaita Galega de Ribadeo para cantar e tocar un pouquiño. A través deles enteireime que Folkgazais precisaban vocalista e púxenme en contacto con Abel, o acordeonista do grupo.
Levo xa dous aniños ..e grazas a eles retomei en serio. Por traballo cheguei a Santiago. Co empuxe de Abel que adoro, porque é unha das mellores persoas que coñezo matriculeime na escola livre A Central Folque, dirixida pola nosa veciña Ugia Pedreira.
Así comecei a estudar técnica vocal. Para poder dar todo o mellor de min ao grupo. Como a vida é unha constante sorpresa, a escola deume a oportunidade de gravar un tema xunto co resto de alumnos de A Central Folque no novo disco de Kepa Junquera titulado Galiza.
E a vida deume tamén a oportunidade de coñecer e disfrutar cada dia de profesores coma Davide Salvado nominado aos premios da musica galega que se celebra este venres; de Ugia Pedreira, a quen adoro; e de Paulina, con apelido polaco imposible de pronunciar (Ceremuzynska)!
Se precisades mais información, pedide
Saudiño!
Ruth Martin
Como foi o resultado? Escoiten a entrevista déixennos algún comentario. Así sabemos se coincidimos na avaliación.