Seccións

28/11/12

Proxecto Neo nº34.2 - Mariló Candedo Gunturiz

Noutra tarde viaxeira, Burela foi punto de partida… e punto de chegada. Entretanto, fíxose a travesía; a través das ondas viaxamos á Coruña e, en soños, chegamos incluso a Cabo Verde. Para abrir boca, recibimos un novo colaborador para atender os mandos técnicos e falamos con el a micro aberto. Chámase Paulo Silva Freire, que chegou a Burela en xullo de 2011. De técnico aprendiz pasamos a técnico experimentado. No segundo corte do programa conversamos con Andrés Sáinz Evans, que xa está moi seguro no dominio da mesa técnica. Despois de escoitarmos a "Sementeira" de Fuxan e o "Vivir na Coruña" dos Diplomáticos, viaxamos á cidade herculina para facer tertulia coa profesora Mariló Candedo Gunturiz, docente da área de Pedagoxía Social na Facultade de Ciencias da Educación. Unha muller moi implicada no traballo, que o vive con tanta paixón que asumiu unha grande responsabilidade: ocuparse da presidencia de Nova Escola Galega, o colectivo profesional dos homes e mulleres que nos dedicamos á educación. Con ela falamos abertamente de varios temas: a oferta educativa da Faculdade de Ciencias da Educación, o alcance da reforma educativa e o Pedrón de Ouro outorgado a Nova Escola Galega. Naturalmente, contounos a súa experiencia como neofalante. Como sempre, as intervencións da Mocidade Modelo Burela foron colosais. Gabi, Xoel e Aitor foron capaces de facerlle falar moito e ben á nosa convidada. Diso se trataba.
A conversa íntegra está aquí: Proxecto Neo nº 34.2

21/11/12

Proxecto Neo nº33.2 - Emiliano Perdiguero García

Emiliano Perdiguero García naceu en San Cosme de Barreiros. Estudou bacharelato no Instituto Mixto de Ribadeo, e a licenciatura de Matemáticas (especialidade de “Estatística e Investigacion de operacions”) na Universidade de Santiago. Leva 26 anos de profesor de ensino secundario: primeiro en Xixón, nos Institutos de Bacharelato Jovellanos e Calderón da Barca; despois en Luarca, no IES Carmen e Severo Ochoa; máis tarde no Instituto de Bacharelato de Vegadeo; e desde hai uns anos no Instituto Monte Castelo de Burela.
Foi asesor de formación do ámbito científico no Centro de Profesores de Luarca. Formou parte dun grupo de docentes que colaboraron coa administración para a redacción e implantación da Lei Xeral do Sistema Educativo (LOGSE).
No tema que nos ocupa, estivo en programas de aulas bilingües no verán do 2006 en Vichy e no verán do 2009 en Estrasburgo e participou no primeiro PALE con un grupo de 15 profesores galegos no mes de Abril do 2008, no instituto Glebe College de Ottawa en Canadá.
Na actualidade é docente de Matemáticas no turno de Adultos no IES Monte Castelo.

Este é o enlace para escoitar o programa: Proxecto Neo nº 33.2

07/11/12

Proxecto Neo nº32.2 - Águeda Barcia Iravedra

Águeda Barcia Iravedra, nacida en San Cosme de Barreiros, reside desde os oito anos en Burela, onde os seus pais exerceron de mestres. Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, desde 1980 exerceu como profesora de Bioloxía e Xeoloxía no instituto “Monte Castelo” de Burela, despois de ter impartido docencia nos institutos de Cariño e Ortigueira.

Paralelamente ao desenvolvemento das súas clases, realiza visitas didácticas á zona xeolóxica como ambiente incomparable para facer clases prácticas. Alén do labor docente, colabora co Concello de Burela na difusión do coñecemento da zona e na súa explicación acompañando os numerosos grupos que visitan este lugar.

No ámbito asociativo, desempeñou o cargo de presidenta da Asociación de Veciños “O Vencello” durante a década dos noventa e, desde a súa fundación, é a presidenta da asociación micolóxica “Cantareliña”.

Neste programa participan moi destacadamente Xoel Geada, Gabriel Bermúdez e Aitor López, que se encargou de realizar unha entrevista virtual á foto-xornalista galega Ana Durán, residente en Tabasco (México). Da parte técnica ocupouse Juan Andrés Sainz Evans, que tivo como acompañante a Víctor Cabarcos Val

Aquí está disponíbel o arquivo de audio.

Grazas a Julia Labrador por esta magnífica reportaxe fotográfica.