Seccións

26/04/12

Proxecto Neo nº 16 - Delfina Pena & Aurélie Pello

Mércores 25 de abril, décimo-sétima entrega de Proxecto Neo. Nesta ocasión, faremos unha viaxe de ida e volta á terras armoricanas.

Delfina Pena é profesora de Lingua e Cultura Francesa. Estudou Filoloxía Románica, primeiro en Lugo e despois en Santiago de Compostela. Desde hai trece anos, é a impulsora dun intercambio educativo entre a Mariña mindoniense e o corazón da Provenza. Un contacto directo, como o que fixeron os trovadores na Idade Media… mais actualizado, moderno. Unha convivencia do século XXI.

Aurélie Pello é profesora axudante de conversa. Orixinaria de Brest, na Bretaña, chegou a Galicia por vez primeira como participante nun intercambio escolar entre adolescentes de Ribadavia e daquela cidade da Costa do Amor. Durante o curso 2012 está como ensinante de lingua francesa na Mariña.

Máis outro programa Modelo Burela.

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

19/04/12

Proxecto Neo nº15 - Luisa Sánchez

Mércores 18 de abril, décimo-sexta entrega do noso programa radiofónico en Radio Burela que dá protagonismo aos neofalantes. A nosa convidada, Luisa Sánchez, empregada de supermercado, xunto coa súa filla, Sol Pedreira, alumna de 4º de ESO no IES Monte Castelo, narran a historia do seu percorrido do Xapón a estas nosas terras galegas.

Este é un fragmento da mensaxe que nos enviaba unha mociña de 15 anos, durante a fase de produción do programa. Reproducimos a cita textual:

"O pai de miña nai era chinés. O meu bisavó emigrou a Perú con algún dos seus fillos na época da guerra, motivo polo cal cambiaron de nome e apelidos. Pasaron a ser Sánchez. F. Sánchez criouse desde pequeno en Perú.
A miña bisavoa, J. Oyama, era de orixe xaponesa. Para sermos exactos, naceu na cidade de Fukuoka. Emigrou a Perú cando era unha cativa. Alí, na cidade de Pisco, onde residían, coñéceronse e casaron os meus avós.
Actualmente teño dous tíos vivindo en Xapón, xunto cos meus primos. A avoa e unha das tías seguen residindo en Perú.
Como se pode ver a nosa familia está repartida polo mundo".

Se lles gustou o aperitivo, gocen agora co menú.

Proxecto Neo Nº 15 - Convidada: Luisa Sánchez on PhotoPeach

Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

11/04/12

Proxecto Neo nº 14 - Ayub Sabry

Mércores 11 de abril, décimo-quinta entrega de Proxecto Neo, o programa con protagonismo das persoas neofalantes, aquelas que nos integramos voluntariamente na cultura galega.

Nesta ocasión tocaba facer irmandade entre esta terra galega e o Norte do continente africano. Matías Nicieza presentounos a Ayub Sabry (Ouled Jaber), marroquino, que chegou a Ferreira só hai catro anos. Estuda un ciclo de automoción no CIFP Porta da Auga. A súa paixón é o fútbol e actualmente xoga no equipo do Valadouro.

Proxecto Neo nº 14 - Convidado: Ayoub Sabry on PhotoPeach
Seguídenos nas redes sociais. (Twitter e Facebook).

Podedes escoitar a tertulia aquí.

05/04/12

Proxecto Neo nº13 - Jesús Arranz González


"Eu cheguei a Galicia no 1979, porque en Valladolid tiven noticias dunha experiencia pedagóxica con nenos difíciles no colexio Santo Anxo de Rábade. Interesoume. Cando cheguei aquí tomei contacto con Suso Vaamonde, con Milladoiro, cos Soños na gaiola, con Fuxan os Ventos... A min cautivoume o tema da bruxa de Antón Seoane e Milladoiro. Comecei a utilizalo moito en recitais no colexio cos cativos. Deime conta de que era unha música moi relaxante, dentro da cal entraba a sensibilidade de Galicia. Por iso collín ese tema como símbolo da música de Galicia e de todo o que significa Galicia para min".

Mércores 4 de abril, décimo-cuarta entrega de Proxecto Neo.
Neste novo programa conversamos con Jesús Arranz González (Peñafiel), profesor de música do CEIP Virxe do Carme de Burela. Ademais tivemos como colaboradores especiais a Moncho Mariño, xornalista e colaborador do Dioivo, e a Alba García Pico, tradutora e intérprete.
Nacido na cidade de Peñafiel, en Valladolid, o profesor Arranz fíxose fillo adoptivo da Mariña, a onde chegou para exercer o ensino tras pasar por outras localidades galegas. Na conversa falamos de música: da súa participación no grupo Talanquera, que interpretaba pezas tradicionais castellanas; da dirección coral, da Semana do Jazz, da Banda de Burela, da súa familia de compositores e intérpretes...
Nos primeiros minutos, a través da audición dun romance musicado polo grupo formado por Jesús e os seus irmáns, xa se pulsa perfectamente o ritmo do resto do programa. Unha peza de grande interese educativo.