Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

05/02/20

Proxecto Neo, 288.9: Ana Vizoso (IES Alonso Ríos -Tomiño); Andrea Ferrer (IES de Poio); Isabel López Mariño



FRAGMENTO DA ENTREVISTA A ANDREA FERRER (do IES DE POIO)

-Como andan as relacións sentimentais co galego na zona de Poio... Que predomina o amor ou o desamor?
-A verdade é que nos cinco anos que levo nunca escotei falar en galego no instituto. No instituto nunca... menos na clase de lingua, claro. No resto nunca llo escoitei a ningún alumno... e profesorado... pouco!
Non sei os que entraron este ano en primeiro de ESO, pero... dos que eu coñezo ninguén fala galego como lingua habitual.
- E no teu caso concreto como é esa relación?
- Levámonos bastante ben. Eu nunca falei galego diariamente, porque a miña lingua-nai é o castelán (sempre me falaron en castelán), pero nunca se me deu mal falar galego e non tiven nunca ningún tipo de problema. De feito, desde este verán decidín que nalgún momento da miña vida ía comezar a falar galego diariamente. Era un obxectivo que pretencía acadar na Universidade, pero coa iniciativa dos 21 días co galego e + axilizouse ese proceso e desde hai tres semanas decidín comezar a falar galego diariamente.

SINOPSE DO PROGRAMA 288.9

Ana Vizoso, alumna de 3º de ESO no IES Alonso Ríos (de Tomiño), falounos das súas vivencias da participación no programa dos 21 días co galego.
O mesmo tema tratamos na conversa con Andrea Ferrer, do IES de Poio, a quen chegamos a identificar como a correspondente a Adrián Solovio no século XXI.
Pola súa parte, a profesora Isabel López Mariño, da área de Economía, falounos sobre o tema do incremento do salario mínimo no Estado Español e tamén sobre a posíbel influencia do Brexit no nivel de vida en Galiza.

Sem comentários:

Enviar um comentário