Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

09/04/15

Proxecto Neo nº 121.- José Estévez (Literarte) e Soraya Mato (Coristranca, a lectura con retranca)



O programa nº 121 comezou a ritmo primaveral. Xusto despois da locución do sumario, entramos no desenvolvemento dos contidos co impulso da Primavera de Vivaldi. En primeiro lugar, Maka e Helena falaron con Karina Parga para que esta nos fixese un balanzo do intercambio escolar Galiza-Bretaña que se celebrou -na súa primeira fase- no final do pasado mes de marzo.
A seguir, viaxamos a Lugo para conversar co escritor José Estévez, que nos falou en calidade de coordenador das publicacións colectivas Alén do Silencio e Literarte. Contribuímos así a dar a coñecer unha magnífica porta aberta para que as novas voces podan ver publicados os seus textos. Naturalmente, puxemos en destaque as contribucións feitas desde A Mariña e recollidas nestes dous volumes.
Antes de falarmos co director do obradoiro "Xuventude Emprende" (celebrado en Lugo, coa participación de alumnado do IES Perdouro), protagonizamos un momento moi especial. Proxecto Neo serviu de "reemisor" dun programa de radio producido, redactado e locutado polo alumnado do Clube de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Foi o "aperitivo" para unha entrevista deliciosa que nos concedeu Soraya Mato, unha das protagonistas desta emisión (A fume de carozo) e desta bitácora que nós recomendamos.

1 comentário:

  1. Estades nominados: http://zarampagalegando.blogspot.com.es/2015/04/black-wolf-blogger-awards.html

    ResponderEliminar